O BNG quere levar as humanizacións á zona das Torres

No acto Espazos públicos para as persoas
No acto Espazos públicos para as persoas

 

O Bloque mantivo un encontro aberto no barrio para explicar as súas propostas en materia de mobilidade

O BNG quere levar as humanizacións á zona das Torres

A parte máis nova e poboada do Porriño, coñecida como zona das Torres, soporta unha alta densidade de tráfico ao se concentraren alí moitos dos servizos do municipio: centro de saúde, xulgados, seguridade social, pavillón e piscina, Correos ou sindicatos.

O BNG quere humanizar o barrio dando prioridade aos peóns en detrimento dos coches. Anchear beirarrúas gañando espazo para a xente, plantar arboredo, e dar continuidade á rúa Doutor Paz Varela para a súa conexión coa rúa Antonio Palacios. “O ancho da rúa Pinar, por exemplo, permite unha actuación ambiciosa”, sinalou o candidato do BNG, Pedro Pereira.

As prazas de aparcamento que se perderán coa humanización compensaranse coa creación dun aparcamento soterrado no pavillón, debaixo do existente na actualidade. Os informes técnicos cos que conta o BNG fan viables 2 ou 3 alturas, o que permitiría eliminar os coches aparcados en superficie gañando tamén aquí espazo público para poder destinar a usos deportivos e zona verde.

A proposta do BNG contempla tamén unha nova regulación do tráfico no lugar, con viais de sentido único, e o fomento dos aparcamentos para paradas de 15 minutos ou carga e descarga. “É necesario calmar o tráfico regulando paradas de 15min., que fan que só circule quen realmente ten que ir alí por algo, eliminando o tráfico de vehículos que buscan aparcamento”, sinalou o candidato do BNG, Pedro Pereira.

Alejandro Lorenzo prometeu melloras na zona cando chegou á Alcaldía pero ano e medio despois os veciños e veciñas nada saben ao respecto. A partir do 28 de maio, o BNG quere liderar un goberno que priorice dar solución aos problemas dun barrio onde viven muitas persoas. “Temos que apostar por levar as humanizacións tamén aos barrios, como fixemos en San Bieito e Aloques. Buscamos unha vila atractiva para vivir e traballar”, declarou Pedro Pereira.

O BNG quere levar as humanizacións á zona das Torres