O BNG propón que se nomee a praza da Alameda como “Praza Oito de Marzo”

0534bc218fa3343b26059c86f715b426_XL

O grupo nacionalista entende que deste xeito se recoñece a loita feminista no rueiro do Porriño, onde non hai espazos con nome de muller

O BNG propón que se nomee a praza da Alameda como “Praza Oito de Marzo”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego leva ao vindeiro pleno ordinario do Porriño unha moción na que propón que a actual praza da Alameda se nomee como Praza Oito de Marzo. Os nacionalistas lamentan que hoxe en día no rueiro do Porriño non haxa nomes de muller. A moción, para a súa deliberación e debate no pleno da corporación, preséntase como unha “oportunidade de contribuír á visibilización desta loita para mudar a situación actual e como recoñecemento ao gran paso adiante dado precisamente este ano polas mulleres, facendo que a data do oito de marzo dea nome a unha praza deste Concello, feminizando e galeguizando ao tempo o noso rueiro”.

Na exposición de motivos da moción, o BNG resalta que o oito de marzo, Día Internacional da Muller, “é unha data internacional e referencial na loita pola igualdade dos dereitos máis fundamentais das mulleres. Unha data para a lembranza dunha loita aínda vixente e pendente de acadar”. E lembra o éxito máis que evidente acadado pola mobilización feminista, que logrou paralizar o país coa “primeira folga de mulleres, coa que se denunciaban unha vez máis as desigualdades entre homes e mulleres no ámbito laboral, a violencia de xénero e todas as situacións de desigualdade e marxinación que impiden ás mulleres vivir libremente”.

Que no rueiro do Porriño haxa un espazo que leve o nome Oito de Marzo é unha homenaxe a “todas as mulleres –tamén no Porriño– que loitan diariamente en prol desa igualdade, desas mulleres anónimas que co seu traballo diario contribúen á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, mais fala tamén por todas as que xa non poden estar entre nós e por todas as que virán e loitarán nun futuro”.

O BNG propón que se nomee a praza da Alameda como “Praza Oito de Marzo”