O BNG presenta a súa candidatura coa que quere avanzar na transformación real do Porriño
Pedro Pereira encabeza unha lista formada por unha maioría de mulleres procedentes do eido veciñal, asociativo, cultural e sindical, que pretenden devolverlle a dignidade á acción política no Porriño e recuperar o tempo perdido durante nove anos de gobernos de dereitas, primeiro co PP e ultimamente co PSOE.
O acto de presentación tivo lugar no Centro Cultural do Porriño, nun salón de actos ateigado de persoas que quixeron coñecer de primeira man as propostas que o BNG ten para concello. Abriu o acto a responsable local do BNG, Ana Bastos, quen destacou a necesidade de desenvolver dende o concello políticas transformadoras, que melloren a vida das persoas; e de implicar a toda a sociedade, en especial á mocidade, na loita pola igualdade. Seguidamente interveu Sandra González, alcaldesa do concello de Tomiño e artífice do cambio radical que está a experimentar para ben a vila do Baixo Miño. Tomou a palabra despois o deputado autonómico Luís Bará, un dos grandes valores políticos do nacionalismo galego, polo seu traballo a prol da cultura, da recuperación da memoria histórica e dos proxectos máis innovadores para Galiza. Destacou na súa intervención “o valor que ten para Galiza que o BNG teña representación no Congreso dos Deputados en Madrid”.
Pechou o acto o candidato Pedro Pereira, quen subliñou a profunda transformación que para O Porriño significaron os gobernos do BNG de 2003 e 2007, dos que formou parte. Avances en calidade democrática, en transparencia, en modernización dos servizos, en apertura de espazos públicos para a veciñanza. Unha transformación que se truncou coa chegada dos gobernos da dereita, que estiveron máis preocupados polos seus intereses persoais que polo benestar da cidadanía. Anos en que a actividade política estivo máis centrada nos tribunais que no salón de plenos.
“O Porriño merece un novo goberno do BNG, merece un novo pulo ás súas potencialidades, que só pode darlle unha forza progresista, galega e con ampla experiencia na xestión municipal”, sinalou Pereira. Por iso, segundo explicou o candidato á alcaldía, “o programa do BNG para O Porriño susténtase nestes eixes básicos: mobilidade para todas as persoas, políticas sociais, ordenación do territorio, mocidade, igualdade, desenvolvemento sostible, e cultura”.
A candidatura que presenta o BNG combina a inclusión de caras novas coa presenza de persoas con dilatada experiencia na xestión e na política municipais. Destaca a nutrida presenza de mulleres, mocidade, persoas independentes e representantes do tecido asociativo do concello e cunha ampla representación territorial. Todas elas teñen en común o seu compromiso social e a ilusión de traballar con honestidade na defensa dos intereses públicos.
Non é posible o progreso no Porriño sen o BNG, por experiencia de goberno, por hixiene democrática, por vocación de servizo e porque sempre tivemos as ideas claras, co único obxectivo de traballar polo ben dos veciños do Porriño. Contamos cunha equipa de persoas coa experiencia e a ilusión necesarias para avanzar na construción do Porriño do futuro.