O BNG porá en valor as ribeiras do Louro con piscinas ao aire libre e espazos deportivos e de ocio
“Temos que promocionar e poñer en valor os nosos recursos ambientais e naturais”, subliñou Pedro Pereira, candidato á Alcaldía do Porriño
No ano 2007 o goberno do BNG impulsou a recuperación das beiras do río Louro cun plan de emprego dirixido a mulleres en exclusión social, que durante meses desbrozaron e limparon a maleza que ocultaba totalmente o río.
Dende o BNG queremos seguir apostando por abrir o río para as persoas, é preciso seguir avanzando, tanto en espazo como en infraestruturas. Esta zona está cualificada como zona verde e de usos dotacionais. Temos que promocionar e poñer en valor os nosos recursos ambientais e naturais.
Queremos continuar con este proxecto mellorando o acceso desde a rotonda de Terrazos Riego, creando un espazo para aparcamento, construíndo piscinas ao aire libre e pistas deportivas multidisciplinares.
O traslado de Frigolouro é chave para poder avanzar na transformación deste entorno, o que nos permitiría desenvolver outros proxectos para ampliar espazos públicos na mellora da calidade de vida da veciñanza.
É necesario diminuír o impacto acústico que provoca a autovía Vigo Tui coa demanda ao Ministerio de Fomento de pantallas acústicas; e atender as demandas da veciñanza na dotación de servizos de auga potable, alumeado e máis bancos e papeleiras.
Para que este obxectivo sexa unha realidade a curto prazo, hai que iniciar sen demora a compra de parcelas no entorno do río Louro, como xa propuxemos nos orzamentos do 2018.