O BNG pide á Xunta mellorar a seguridade viaria en Budiño
O Bloque presenta emendas aos orzamentos da Xunta para urbanizar estradas que son de titularidade autonómica
Estrada PO-510 na Vacaría
Esta estrada soporta unha alta densidade de tránsito diario procedente de localidades próximas con dirección á cidade de Vigo ou a Portugal. Conflúen, ademais, os principais accesos ás canteiras de granito e aos polígonos industriais PPI-6 e A Granxa, o que provoca en horas punta grandes atascos na circulación.
A Consellería de Infraestruturas tíñase comprometido a redactar un proxecto para conectar directamente a PO-510 coa A-55 á altura do Polígono A Granxa, que axudaría a reducir o tránsito polo lugar, pero tampouco figura nos Orzamentos da Xunta de Galicia para o 2022 ningunha partida para iniciar esta nova variante.
Grazas á presión veciñal recentemente tense renovado a sinalización horizontal no barrio. Desde o BNG entendemos que non é suficiente para resolver o problema, polo que solicitamos da Xunta a construción de beirarrúas para peóns e a mellora das beiravías existentes no lugar da Vacaría.
“Reclamamos ao Goberno do Partido Popular que atenda esta vella demanda das veciñas e veciños da Vacaría e proporcione seguridade vial ao barrio urbanizando a estrada e mellorando a mobilidade”, afirmou o portavoz municipal do BNG, Pedro Pereira.
Estrada PO- 407 a Salceda de Caselas
Desde que se executou a PO -510, a estrada que une O Porriño con Salceda de Caselas pasou a ter un uso local. Este vial carece de beiravías en moitos tramos e non ten beirarrúas para peóns, causando un grave problema de seguridade viaria, sobre todo nas inmediacións do colexio público de Budiño. O BNG solicita que se urbanice e que sexa transferida para ser de titularidade municipal.