O BNG pide abrir negociacións para aprobar o Regulamento de Participación Cidadá no Porriño
O grupo municipal nacionalista rexistra unha moción solicitando que sexa convocada a comisión encargada da súa redacción.
O Bloque pide abrir o proceso máis alá dos grupos políticos para garantir a participación do asociacionismo e da cidadanía en xeral.
“Queremos que se fagan cumprir os acordos plenarios”, declarou a concelleira Míriam Martínez, que defenderá a iniciativa do Bloque. “O Pleno, onde están representadas o conxunto das veciñas e veciños, aprobou na pasada lexislatura elaborar un regulamento neste sentido e o goberno do PP non o fixo. No BNG levamos tempo traballando este tema e reuníndonos co asociacionismo local. Temos unha proposta completa de regulamento, pero entendemos que debe ser negociado entre todos e todas, polo que solicitamos que se inicie un proceso aberto á participación veciñal e poder contar a curto prazo cunha ferramenta necesaria para avanzarmos en dereitos”, sinalou a concelleira do BNG.
A proposta do BNG contempla a creación de consellos sectoriais ou parroquiais e regula a posibilidade de que a veciñanza poida presentar iniciativas nos plenos ou participar na elaboración dos orzamentos. “Un concello da dimensión do Porriño non pode permanecer alleo á necesidade de incorporar mecanismos que regulen e garantan a participación veciñal, declarou a concelleira do Bloque. Martínez puxo como exemplo a necesidade de crear un Consello da Cultura, para coordinar toda a actividade cultural do municipio, “un foro no que o tecido cultural local e as asociacións poidan debater, ter voz e participar das políticas culturais do Porriño, máis alá do ordeno e mando actual”, sinalou.
Desde o grupo municipal do BNG non queremos deixar de denunciar o que entendemos como unha actitude pouco democrática do alcalde, ao convocar as sesións plenarias en horarios que dificultan a conciliación e o normal traballo da oposición, así como a participación da veciñanza. “O PP cree que o Concello é da súa propiedade, xa o demostrou Alejandro Lorenzo cando no pleno da súa investidura reservou espazo no salón para os seus familiares e amigos en detrimento do libre acceso da veciñanza”, concluíu a concelleira nacionalista.