O BNG organiza unha charla sobre a protección do Louro e os seu regatos
Será o xoves 17 de novembro ás 19h no Centro San Salvador de Torneiros
O Pleno da Corporación Municipal do Porriño aprobou, no mes de maio, unha moción do Bloque para que o Concello do Porriño solicite ante a Xunta a declaración de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para o río Louro e os seus regos, caso do Laxes na parroquia de Torneiros.
O ámbito que se pretende protexer parte do Paseo do Louro, no casco urbano, e chega as Gándaras de Budiño, co fin de crear un corredor ecolóxico de flora e fauna que poña en valor estes bosques de ribeira, hábitats de conservación prioritarios para a Unión Europea. Acadar esta figura que outorga a Xunta de Galicia serviría para protexer no seu conxunto os ecosistemas do Louro ao seu paso polo Porriño, complementando así a protección ambiental coa que conta na actualidade o espazo incluído dentro da Rede Natura.
Existen múltiples factores de risco para este ecosistema, como a presión urbanística e industrial, caso da continuidade do matadoiro na súa ubicación actual ou o Centro de Transportes que Zona Franca proxecta construír en Torneiros; así como a introdución de especies vexetais e animais foráneas, as talas e desbroces agresivos, o emprego de herbicidas, os vertidos incontrolados, unha iluminación agresiva ou o alto volume de ruídos que soporta.
A día de hoxe e transcorrido medio ano desde a aprobación da moción presentada polo Bloque, Alejandro Lorenzo mantén paralizada unha iniciativa que axudaría e rexenerar estes espazos e defendelos de futuras ameazas. O acto contará coa presenza de Alberto Oubiña, concelleiro do Bloque no goberno de Pontevedra, concello impulsor de dous ENIL na cidade do Lérez: o río Gafos e a Xunqueira de Alba.