O Bloque Nacionalista Galego leva ao Congreso dos Deputados, a través de emendas aos orzamentos, inversións para o Concello do Porriño
O deputado nacionalista, Nestor Rego, presentará emendas ao Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2021, entre as que atopamos inversións importantes para o desenvolvemento do noso concello.
Entre as emendas presentadas, están tres que afectan a A55: a creación dun enlace directo desta autovía cos polígonos residencial e industrial de Torneiros; a redacción dun proxecto sobre a variante actual da autovía O Porriño-Vigo; e a instalación de pantallas acústicas ao seu paso polo noso concello, tanto para a A55 como para a A52.
Un dos grandes proxectos que sen dúbida mudaría o noso concello, conseguindo unha maior cohesión urbanística ao eliminar o impacto que agora supón a vía férrea, é o soterramento da liña de ferrocarril Monforte de Lemos - Vigo ao seu paso polo Porriño e a eliminación do paso a nivel no casco urbano, outro dos proxectos polos que o BNG loitará no Congreso.
A eliminación de residuos de fabricación de Lindano en Torneiros, outra das emendas que serán defendidas polo BNG, é un proxecto urxente que está pendente de executar, co perigo que isto supón para a saúde da veciñanza do concello.
Os nacionalistas inclúen tamén outras emendas, como a recuperación das Lagoas das Gándaras de Budiño, en concreto para levar a cabo a eliminación de especies invasoras exóticas, que supoñen un problema engadido aos que xa ten a Lagoa. Tamén se demanda a construción dunha balsa de decantación para eliminar os áridos arrastrados polas escorrentías procedentes das canteiras de granito próximas.