O BNG formaliza o relevo no grupo municipal de Ana Bastos por Cami Moreira no vindeiro pleno municipal
Continúan as negociacións cara a un acordo de goberno entre BNG e PSOE
O relevo de Ana Bastos prodúcese por motivos laborais. A actual concelleira continuará na organización nacionalista exercendo de responsable local do BNG do Porriño, función que leva desenvolvendo nos últimos anos. A súa acta de concelleira será recollida pola seguinte na lista da candidatura, Cami Moreira.
O BNG do Porriño mantivo o pasado martes unha reunión co PSOE para avanzar no acordo de goberno que leva parado todo o verán, unha vez que a nova estrutura de goberno foi aprobada polo Pleno municipal o mércores 4 de setembro, principal escollo para que puidesen continuar as negociacións entre ambos partidos que comezaran no mes de xuño.
O BNG considerou dende o inicio das conversas co PSOE que para poder chegar a un acordo de co-goberno era imprescindible reestruturar as áreas do anterior goberno municipal e así asumir as novas áreas nas mellores condicións para favorecer os cambios que o Porriño necesita.
As negociacións estiveron paralizadas durante todo o verán a causa das distintas irregularidades na convocatoria de plenos, retomándose agora co fin de establecer as delegacións xa acordadas e concretar por ambas partes as áreas e funcións a levar a cabo.