O BNG estenderá as actuacións de mobilidade ás parroquias
Sendeiros a pé, un carril bici ou a posta en marcha dunha liña circular de autobús, entre as propostas do BNG
As saídas desde o centro cara a Cans e Atios son moi transitadas polas persoas. Empregadas para chegar a pé até o centro ou como vías de esparexemento para camiñar, requiren beirarrúas máis anchas, árbores e un carril bici. Queremos crear tamén unha rede de camiños seguros para as persoas que saen a pasear nas parroquias, e imos abrir un itinerario sinalizado para subir a pé desde o casco urbano até A Risca.
“Queremos favorecer os desprazamentos cotiás das veciñas e veciños, mellorando a seguridade viaria, incrementando a presenza vexetal e facilitando que sexan a pé ou en bicicleta”, declarou o candidato do BNG, Pedro Pereira. Outras das apostas do BNG para mellorar a mobilidade e evitar o tránsito de vehículos particulares será crear unha liña circular de autobús que comunique as parroquias co centro, coa intención de integrala na rede de transporte metropolitano.
Sendeiros polos ecosistemas do Louro
Como alternativa de goberno impulsamos unha proposta para que o Concello solicite para o río Louro e os seus regos Laxes e Fonteliño (Couso) a declaración ante a Xunta de Espazo Natural de Interese Local (ENIL), co fin de crear un corredor ecolóxico de flora e fauna que poña en valor e protexa estes bosques de ribeira. Alejandro Lorenzo mantén paralizada unha solicitude que axudaría a rexenerar estes espazos. A partir do 28 de maio, se lideramos o goberno iniciaremos os trámites para a declaración do ENIL e poremos en valor estes ecosistemas creando unha senda polo río Fonteliño (Couso) e dando continuidade ao Paseo do Louro até As Gándaras de Budiño.