O BNG denuncia trato de favor na organización do Negrita Music Festival

O BNG denuncia trato de favor na organización do Negrita Music Festival

Os pasados 9 e 10 de setembro, celebrouse o Negrita Music Festival en terreos alugados polo Concello do Porriño para aparcamento de vehículos, na rúa Progreso, un evento de iniciativa privada e de pago, que contou coa colaboración da Administración Local.

O grupo municipal nacionalista pediu ao Alcalde que explicara no Pleno a relación existente entre persoas que formaron parte da lista electoral do PP nas pasadas eleccións municipais e a empresa promotora do festival, e o posíbel trato de favor recibido por unha promotora que tamén  participou na organización do Louro Valley, un festival de música electrónica dentro da programación das Festas do Cristo, até o de agora xestionadas directamente polo Concello. Alejandro Lorenzo negouse a contestar no Pleno o que é un secreto a voces no Porriño, que persoas relacionadas co PP local intermedian co Concello en beneficio de determinadas promotoras.

Nos días previos á celebración do evento, persoal municipal participou no acondicionamento dos terreos e no desbroce da contorna do recinto. O BNG denunciou no pleno a contaminación con microplásticos producida no río Louro, ao realizarse estes traballos de roza sen retirar antes o lixo existente. Incumpriuse tamén a ordenanza municipal reguladora que prohibe a colocación e pegado de cartaces fóra dos lugares autorizados. Un goberno local estrito todo o ano na retirada da cartelaría das distintas organizacións políticas, sociais e culturais do municipio, permitiu pola contra que se enchese O Porriño de publicidade do Negrita Music Festival. No festival impediuse introducir alimentos ou bebidas e tívose que pagar un sobrecusto por entrar e saír do recinto. Cláusulas abusivas que o BNG entende non se poden producir en ningún caso nun evento que conte con participación do Concello do Porriño.

 

Un modelo de festas que non respecta a convivencia

Por outra banda, o BNG condena os actos vandálicos acontecidos no centro da vila durante as Festas do Cristo. Queremos amosar a nosa preocupación ante o incremento de actitudes incívicas que vimos constatando nos últimos tempos: ataques a locais, patrimonio e mobiliario urbano, botellóns incontrolados, sucidade na rúa, ruídos, condución temeraria en aparcamentos públicos, etc. Solicitamos maior control e vixilancia por parte da Policía Local e emprazamos o goberno local a repensar un modelo de festas que non está a respectar o dereito ao descanso, e que está a  deteriorar a convivencia convertendo O Porriño nun lugar menos agradábel para vivir. Desde o BNG reclamamos tamén unha festas con máis espazo para a cultura, respectuosas coa pluralidade da nosa sociedade e nas que non teñan cabida artistas que promoven a través das súas letras a violencia sexual contra as mulleres.

 

O BNG denuncia trato de favor na organización do Negrita Music Festival