O BNG denuncia falta de limpeza nos camiños do Porriño
O Bloque responsabiliza ao goberno local da falta de mantemento e abundante presenza de maleza e vexetación nas estradas e camiños das parroquias do Porriño. No pasado mes de marzo, o Concello do Porriño incorporou 43 persoas ao seu cadro de persoal a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, entre elas 12 peóns forestais no Departamento de Parques e Xardíns para desempeñar tarefas de desbroce e limpeza de camiños, servizos que o Alcalde consideraba non se estaban prestando de maneira idónea nos últimos anos. As contratacións supuxeron unha inversión total de 450.000 € dos cales 250.000€ foron aportados con fondos públicos municipais.
Sorprendentemente, no pleno deste mes de maio o goberno do PP presentou un novo suplemento de crédito por valor de 60.000€ para contratar de forma privada servizos coa mesma finalidade: o desbroce de estradas e camiños nas parroquias do Porriño. O BNG non se opuxo a contratar un servizo necesario pola falta de mantemento na rede viaria do rural, pero quere denunciar a falta de xestión e mala organización do persoal municipal, responsabilidade última do goberno local. Non lle facemos ao PP o que o PP lle fixo ao anterior goberno, bloqueando no pleno iniciativas semellantes porque o noso interese é a veciñanza. Lembramos que Alejandro Lorenzo leva gastados xa tres millóns de euros con cargo ao remanente que atopou nas contas públicas cando entrou a gobernar hai menos de cinco meses, unha importante cantidade de recursos que non se están a notar na mellora dos servizos prestados polo concello.