O BNG denuncia discriminación da Xunta co Porriño
Acusan a Alejandro Lorenzo de non defender ante Alfonso Rueda os intereses do municipio. O vicepresidente da Xunta visitou o concello para acender as “luces do Xacobeo” sen anunciar ningún compromiso co Porriño en asuntos da súa competencia que continúan sen atender
Centro de Saúde
O Centro de Saúde, ademais de contar cun cadro de persoal insuficiente para as dimensións do noso municipio e para os servizos que presta a outros da contorna, tampouco conta cunhas instalacións que permitan prestar unha atención digna. Despois de anos de retrasos inxustificados, a Xunta debe iniciar canto antes unha obra de ampliación para a que xa ten licenza concedida polo Concello. O goberno do PP na Xunta está poñendo en risco a saúde dos veciños e veciñas do Porriño, e nestes días vén de agravar a situación pechando a atención primaria coa escusa da Covid-19.
CEIP Fernández López
É urxente unha reforma integral do centro que o faga mellorar en eficiencia enerxética e accesibilidade. Foi construído nos anos 70 e na actualidade ten graves problemas de insonorización e illamento. Vimos de reclamar no debate de orzamentos autonómicos para o 2022, unha partida de 1 millón de euros para esta reforma, emenda rexeitada pola maioría do PP.
Política de coidados
O PP falta no seu compromiso coas políticas sociais e de coidados no Porriño. Cando o Bloque gobernou na Xunta e no Porriño no período 2005-2009, construíronse a escola infantil da rúa Doantes de Sangue ou o Centro de Día de Torneiros. Co PP na Xunta non se investiu un só euro para facer mellorar a conciliación ou a atención das persoas dependentes. No debate dos orzamentos autonómicos para o 2022, o PP rexeitou tamén unha emenda do Bloque que solicitaba a construción dunha nova escola infantil no polígono industrial da Granxa.