O BNG denuncia ataques contra o seu material no Porriño
Desde o comezo da campaña aparece cada día arrincada a cartelería do Bloque dos taboleiros electorais. Tamén teñen desaparecido bandeirolas das farolas e téñense vandalizado outras, pintadas por riba coa palabra ETA. Unha clara incitación ao odio e unha alteración da normal convivencia democrática, especialmente grave en período electoral. O BNG cursou denuncia dos feitos nas dependencias da policía local do Porriño.
“Ás persoas que arrincan e pintan o noso material de campaña, e ás que, cun discurso cheo de mentiras para ocultar a súa nefasta xestión, dan soporte ideolóxico a estes comportamentos, dicirlles que non lles temos medo. Nada vai parar o cambio galego que está en marcha”, sinalou o portavoz municipal do Bloque, Pedro Pereira.