O BNG demanda que se executen saneamentos en Budiño
O grupo municipal do BNG vén de rexistrar unha moción solicitando ao goberno municipal que licite e execute saneamentos pendentes no Picouzo e no tramo entre Devesa e Vaquería, na parroquia de Budiño.
Trátanse de dúas actuacións que o Bloque mandou redactar desde a concellaría de Infraestruturas antes da súa saída do goberno. “Son proxectos demandados pola veciñanza e que xa están redactados. Entendemos que agora non deben quedar paralizados”, afirmou o portavoz do BNG, e anterior concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira.
As actuacións previstas darían servizo ao barrio do Picouzo e a varias vivendas da zona da Devesa. De executarse darían tamén solución á falta de colector no CEIP da Cruz. Un dos ramais chegaría ademais até o barrio de Eiriz. As obras contan xa coa autorización da Xunta de Galicia e están pendentes dos informes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
O importe do proxecto do Picouzo ascende a 353.972´68 €. Para o seu financiamento hai partida orzamentaria con cargo ao Patrimonio Municipal do Solo. No que respecta ao proxecto da Devesa, require un investimento de 107.003 € . Neste caso estaba pendente de presentar ao Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra.