O BNG defende executar un novo colector no centro do Porriño
O Bloque reclama a execución dun colector de pluviais para evitar desbordamentos no centro urbano. O Pleno da Corporación Municipal vén de aprobar unha moción presentada polo grupo municipal nacionalista para reclamar da Xunta recursos para acometer esta infraestrutura. O goberno de Rueda rexeitou unha emenda aos orzamentos autonómicos presentada polo BNG neste sentido.
“O Porriño precisa dun novo colector que evite o colapso dos sumidoiros do casco urbano nas épocas de intensas choivas. O BNG ten reclamado a colaboración da Xunta para podelo executar a través dunha emenda aos orzamentos autonómicos de 2023, rexeitada pola maioría do PP no Parlamento Galego. Agora conseguimos un acordo plenario para esixir esta infraestrutura e agardamos que o goberno local cumpra a vontade do Pleno e reclame ante a Xunta esta necesaria inversión”, manifestou o portavoz do BNG, Pedro Pereira, quen amosou a súa preocupación por que os compromisos da Xunta na localidade sexan destinados só a obras “electoralistas” e “cosméticas” e non a paliar os importantes déficits estruturais que O Porriño ten.