O BNG defende un desfile de rondallas máis prudente
O Bloque, na Comisión municipal de seguimento da Covid, apoiou manter o desfile das dúas rondallas porriñesas nun espazo exterior
O BNG do Porriño á vista da situación sanitaria que temos a día de hoxe, especialmente preocupante no Porriño, non comparte ampliar o desfile a seis rondallas, dúas do Porriño e catro de Mos. Entendemos que son tempos nos que debemos actuar con prudencia e responsabilidade e non promover desde as administracións actos que poidan facer empeorar a situación.
Desde o BNG tamén denunciamos a dobre vara de medir do PP, que desde a Xunta anuncia restricións mentres no Concello do Porriño decide ampliar este evento a un acto multitudinario. É unha contradición que crea confusión entre a poboación e non axuda a concienciar na problemática da pandemia.
O BNG sempre defendeu a colaboración entre dous concellos con tantos lazos comúns como son O Porriño e Mos pero lamenta que Alejandro Lorenzo e Nidia Arévalo intenten utilizar un patrimonio cultural con tanto arraigo na comarca como son as nosas rondallas, para facer política oportunista e populismo nun momento como o que estamos a vivir.