O BNG cualifica a comparecencia de Abel Estévez de insatisfactoria

Míriam Martínez
Míriam Martínez, concelleira do BNG

O BNG do Porriño denuncia unha visión caritativa na Concellaría de Servizos Sociais. Recórdanlle ó PP que son servizos de xustiza social ós que a cidadanía ten dereito.

O BNG cualifica a comparecencia de Abel Estévez de insatisfactoria

O concelleiro de Servizos Sociais compareceu no Pleno da Corporación Municipal, a instancias do Bloque, unha vez coñecido que reparte el da súa man os paquetes destinados ás persoas beneficiarias do banco de alimentos municipal. A concelleira do BNG, Míriam Martínez Troncoso, preguntoulle a Estévez se entregar el a axuda lle parecía un método imparcial, ecuánime ou obxectivo. Tamén lle cuestionou se explorara outras vías que evitaran manexar persoalmente datos privados das persoas beneficiarias e así crear un clima de clientelismo propio doutras épocas históricas.

O concelleiro do PP non contestou as preguntas formuladas polo Bloque. Limitouse a negar calquera aproveitamento político destas persoas en situación de vulnerabilidade. Estévez afirmou que vai seguir empregando o mesmo método e acusou o BNG de non deixalo traballar. A concelleira do BNG cualificou de inmoral, inxustificada e obscena esta práctica e pediulle a Abel Estévez que lle permita traballar ao persoal técnico: “O responsable político da Concellería de Servizos Sociais debe asumir a responsabilidade política buscando fórmulas que garantan o respecto e a dignidade das persoas usuarias”, declarou a concelleira nacionalista.

Míriam Martínez, quen dirixiu a Concellaría de Servizos Sociais entre os anos 2007 e 2010, lembroulle a Estévez que no goberno do BNG se xestionaron estas axudas alimentarias garantindo o anonimato na recollida dos alimentos. Evitouse así estigmatizar as persoas en situación de dificultade económica. Seguiuse, polo tanto, a mesma liña de traballo cá tarxeta moedeiro que vén de aprobar recentemente o goberno central. Martínez recriminoulle tamén ao concelleiro do PP o seu silencio cando Alejandro Lorenzo decidiu desviar recursos da partida de Servizos Sociais para afrontar outro tipo de gastos.

No Bloque defendemos que o Concello do Porriño preste axudas sociais con garantías, xa que son un dereito da cidadanía, non un favor do político ou política que ocupa o cargo nesa ocasión. Rexeitamos un modelo de Servizos Sociais asistencial e comparable á beneficencia. A xestión do Banco de Alimentos por parte do PP pasará á historia da memoria escura dos servizos sociais municipais”, concluíu a concelleira do BNG.

 

O BNG cualifica a comparecencia de Abel Estévez de insatisfactoria