O BNG chama ao consenso para evitar unha alcaldía do PP

Asemblea local do BNG
Asemblea local do BNG

 

A dirección local do BNG vai favorecer un acordo de esquerdas pero non comparte que nas negociacións mantidas entre os grupos se antepoñan intereses partidistas nin que se esixan salarios e cargos de confianza

O BNG chama ao consenso para evitar unha alcaldía do PP

A situación actual esixe amplitude de miras para poñer por diante o interese xeral e a calidade de vida das persoas, que para nós é o prioritario. Avanzar no modelo de vila pola que aposta o BNG é a razón pola que decidimos formar parte dun goberno en coalición co PSOE, a pesar das diferenzas que nos separan. As solucións para O Porriño nunca van vir da man dunha dereita que coñecemos de sobra e que xa paralizou cunha moción de censura o cambio iniciado polo Bloque no período 2003-2010.

O BNG ten proxectos importantes en marcha e sempre está aberto a acordar en positivo novas iniciativas en beneficio do Porriño. Observamos como nas negociacións mantidas entre os distintos grupos están a primar os intereses de parte antes que o interese xeral. A dereita pódese fortalecer no Porriño grazas a este irresponsábel comportamento. “Nós non compartimos esa forma de facer política. O electorado de esquerdas confía en que se poida artellar unha alternativa críbel ao PP fóra de personalismos”, afirmou a responsábel local do BNG, Míriam Martínez.

No Bloque entendemos que agora é o momento de acordar a investidura, negociar a persoa que ocupe a Alcaldía e as liñas básicas do futuro goberno. Despois haberá que decidir as distintas áreas de xestión e as súas retribucións, dentro da negociación dun novo orzamento. “Debemos buscar unha candidata ou candidato de consenso para reconducir unha situación que pode hipotecar o futuro do Porriño. A proposta do PSOE non conta a día de hoxe cos apoios necesarios. Desde o BNG emprazamos ao grupo socialista a buscar unha opción que garanta a investidura e impida a entrada do PP. Estamos en disposición, de ser necesario, de ofrecer o noso candidato para desencallar a situación. Nós non pomos vetos pero temos a certeza de que Pedro Pereira sería a mellor opción para dirixir o Concello”, concluíu a responsábel local do Bloque.

 

 

O BNG chama ao consenso para evitar unha alcaldía do PP