O BNG acusa ao alcalde de vender fume en materia de saneamento

undefined
O BNG acusa ao alcalde de vender fume en materia de saneamento

O BNG anuncia o seu voto en contra do suplemento de crédito 6/2022, destinado a facer fronte ao pago de gastos técnicos para a redacción de proxectos do denominado Plan Director de Saneamento. Unha operación de marketing que busca “vender fume” e que non é a primeira vez que o PP anuncia. Xa con Nelson Santos, no goberno do que Alejandro Lorenzo formou parte, presentaron un plan similar que finalmente non se concretou en nada.

Alejandro Lorenzo pretende que a oposición lle asine un cheque en branco. Non presenta ningún proxecto concreto para negociar cos demais grupos e anuncia un Plan Director de Saneamento que sabe non vai executar e que só vai servir para sacarse fotos e facer propaganda política. Non ten maioría e pretende actuar como se a tivese. Despois de afirmar unha e outra vez que o Concello estaba na ruína e bloquear no pleno xunto con EU-SON inversións necesarias para O Porriño coa única intención de afogar o anterior goberno, agora recorre sistematicamente ao remanente de tesourería para gobernar ou, como neste caso, para sufragar cos cartos de todas e todos o inicio da súa campaña electoral. Son máis de 4 millóns de euros en medio ano os gastados con cargo ao diñeiro que encontrou nas contas públicas cando accedeu á alcaldía.

O BNG empraza a Alejandro Lorenzo a traballar para buscar recursos propios que axuden a financiar os importantes retos en materia de saneamento que O Porriño aínda ten que afrontar; e reclamar da Xunta inversións en materia de saneamento como as que ten comprometidas noutros concellos da contorna. O Bloque apoiará sempre que se destinen recursos para saneamentos, pero teñen que marcarse prioridades, elaborarse proxectos concretos e asignarse partidas económicas. Pedímoslle ao alcalde que desbloquee as obras de saneamento que deixou en marcha o BNG, caso do barrio do Picouzo e da Devesa, en Budiño, que darían servizo a un importante número de vivendas e ao CEIP da Cruz, e que o goberno do PP mantén paralizadas. En política debemos velar polo ben común e non actuar en función de saírmos ou non na foto.

 

O BNG acusa ao alcalde de vender fume en materia de saneamento