Aprobada moción do BNG en defensa dunha linguaxe inclusiva e en galego na sinalización do Concello
O BNG presentou a iniciativa plenaria despois de comprobar como o goberno do PP incumpre sistematicamente os compromisos acadados no Porriño en defensa dunha linguaxe inclusiva e en lingua galega na sinalización municipal.
Defendemos, co apoio da maioría do pleno, que se cumpra na súa totalidade a Ordenanza de Uso da Lingua Galega do Concello do Porriño, así como o IV Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2020-2024, as dúas normas impulsadas polo Bloque durante os dous anos nos que formou parte do goberno municipal antes da chegada de Alejandro Lorenzo á alcaldía.
A mencionada ordenanza contempla que a sinalización horizontal e vertical da totalidade da rede viaria municipal estea redactada en galego e respectando a toponimia oficial. Pola súa parte o plan de igualdade introduce a perspectiva de xénero aplicada á xestión do espazo urbano como un dos obxectivos para acadar unha vila máis amábel, igualitaria e segura.
A moción aprobada obrigará a que toda sinalización do Concello do Porriño sexa supervisada a partir de agora polo persoal técnico do Servizo de Normalización Lingüística, departamento creado tamén polo BNG no seu paso polo goberno; así como que se elabore unha guía de linguaxe inclusiva para formar na materia ao persoal municipal.