Aprobada iniciativa do BNG para mellorar o aparcadoiro público da rúa Leandro Diz
O Concello do Porriño formalizou, despois dunha negociación iniciada xa polo anterior goberno municipal, contratos de arrendamento de varias fincas na rúa Leandro Diz, para destinalas a aparcadoiro de vehículos ou outros usos de interese público. Estes terreos de terra carecen a día de hoxe dun pavimento regular, dunha iluminación axeitada e en gran parte dos mesmos prodúcese unha acumulación de auga que impide o uso para o que foron arrendados.
O Pleno vén de aprobar unha moción presentada polo Bloque na que instamos ao goberno local a dotar de partida orzamentaria para executar de forma urxente as obras de pavimentación en asfalto e sinalización de prazas de aparcadoiro, a instalación dunha rede de iluminación que garanta a seguridade na zona e a construción dun pozo de recollida das augas pluviais. Con facer anuncios e sacarse fotos non chega. O goberno do PP ten que comprometer recursos públicos para facer realidade estas melloras.