Alejandro Lorenzo négase a comparecer ante o Pleno
No pleno do mes de setembro aprobouse, a instancias do BNG, unha solicitude de comparecencia do Alcalde para dar na seguinte sesión plenaria información sobre asuntos de especial relevancia para O Porriño, tanto en materia económica como relativos a inversións ou infraestruturas.
Pasado o pleno de outubro sen comparecer, o Alcalde volve incumprir un acordo maioritario da corporación. Desde o BNG denunciamos esta actitude antidemocrática que amosa o verdadeiro talante dun Alcalde que non está cómodo no debate político e se escuda detrás dunha constante campaña de propaganda para ocultar a súa deficiente xestión.
O Porriño precisa unha Alcaldía que respecte os acordos e goberne para todas e todos. Limitarse a xestionar o día a día, programar festas e sacarse fotos non chega. Alejandro Lorenzo non está a afrontar con responsabilidade os grandes retos que temos como pobo.
Algúns dos asuntos solicitados polo Bloque para que o Alcalde informe no Pleno:
Auditoría e cese da interventora municipal
Alejandro Lorenzo anunciou ao entrar como Alcalde unha auditoría de contratos e facturación dos exercicios anteriores. Argumentaba, xunto con EU-SON, unha xestión irregular e que o Concello estaba na ruína. Dez meses despois nada sabemos da auditoría e vén de cesar á interventora municipal sen dar explicacións ao respecto. Lorenzo non quere un servizo de intervención que emita informes independentes e non se someta ao poder político. Desde o BNG temos a certeza de que as dúas cuestións están ligadas. A situación económica real do Concello, con todo o mellorable que debeu ser a xestión desta área por parte do PSOE, non era a desfeita que se pregoaba, como proban os case 5 millóns de euros gastados polo PP con cargo ao remanente positivo de tesourería nos 10 meses que leva gobernando.
Orzamentos
A finais do mes de xullo o goberno local presentou unha proposta de orzamentos para o exercicio 2022 que non saíu aprobada debido ao escaso interese do PP e á súa nula capacidade de negociación. A proposta incluía un crédito de 9 millóns de euros que endebedaba ao Concello a medio prazo e pretendía ser un cheque en branco para que o Alcalde gastase sen control. A día de hoxe a Corporación descoñece se o goberno vai presentar unha nova proposta ou se está a traballar nas contas do 2023.
Villa Florida
Alejandro Lorenzo comprometeuse, unha vez aprobada unha moción presentada polo BNG, a realizar xestións coa familia propietaria do inmoble en venda para valorar a opción de compra por parte do Concello. A día de hoxe nada se sabe do resultado de ditas conversas e o Alcalde non informou aos grupos políticos das mesmas. A iniciativa presentada polo Bloque contempla que a histórica edificación teña un uso cultural e que os xardíns se abran á veciñanza do Porriño.
Reunión con ADIF
Tamén se comprometeu a solicitar unha reunión con ADIF, na que participaríamos os grupos da corporación, para coñecermos de primeira man a proposta da administración central no tocante á supresión do paso a nivel. Nada sabemos dunha reunión fundamental para esixirmos como pobo un proxecto ambicioso que mellore a calidade de vida das persoas e non hipoteque O Porriño do futuro.