O Alcalde endebeda o Concello para pagar as facturas que bloqueaba cando estaba na oposición

undefined
O Alcalde endebeda o Concello para pagar as facturas que bloqueaba cando estaba na oposición

O goberno do PP vén de aprobar no pleno outro préstamo para o pago de facturas pendentes. Con este suman 3M de euros mais 700.000 euros de intereses que pagaremos os porriñeses e porriñesas. Son as mesmas facturas que o Alcalde se negou a recoñecer cando estaba na oposición a pesar de que contaban cos informes favorables do persoal técnico municipal.  “As facturas que Alejandro Lorenzo non quixo pagar cando estaba na oposición páganse agora con intereses e creando débeda financeira para o concello”, declarou Pedro Pereira, que aclarou que esta facturación é anterior á entrada do BNG no goberno de coalición co PSOE, e que o Bloque sempre defendeu que se revisen aquelas facturas non conformadas polos departamentos do Concello.

Lorenzo quere facer crer que el deu solución ao problema das facturas pendentes cando é o principal responsable de que o Concello, a pesar de ter un importante remanente de cartos, manteña débedas con empresas provedoras. O PP bloqueou no pleno, sumando maioría con Esquerda Unida, o pago destes servizos. A intención era desestabilizar o anterior goberno a toda costa, esquecendo o interese xeral e mentindo sobre a situación económica do Concello, que para nada era mala. Puido afrontar estes pagos cando accedeu á alcaldía pero tiña outras prioridades. Se o Concello estivese na ruína como afirma o Alcalde, non podería ter gastado máis de 3M de euros por riba do orzamento ordinario no ano 2022. E menos aprobar agora outros 4M de euros extraordinarios para gastos antes da convocatoria electoral. Gastou os cartos que había na caixa e agora temos que pagarlle intereses aos bancos para pagar estas facturas.

O BNG aínda así facilitou a aprobación destes préstamos porque entendemos que as empresas provedoras deben cobrar polos traballos realizados, independentemente do cinismo do Alcalde. Nós somos unha forza política seria e responsable, cando estamos no goberno e tamén cando nos toca estar na oposición. A partir do 28 de maio queremos liderar un goberno que xestione de forma transparente e rigorosa os recursos públicos que son de todos e todas. “No Porriño temos que eliminar o malgasto, a dilapidación dos fondos públicos en cousas superfluas, e investir no importante, en garantir bos servizos municipais para a cidadanía”, afirmou o candidato do Bloque, Pedro Pereira.

O Alcalde endebeda o Concello para pagar as facturas que bloqueaba cando estaba na oposición