O Alcalde do Porriño difunde información falsa sobre o proxecto REACPON
O proxecto de humanización da rúa Antonio Palacios e a súa prolongación con carril bici cara a Cans forma parte dun plan de mellora da mobilidade que o Bloque estaba a executar desde o goberno. Sendo Pedro Pereira concelleiro de Urbanismo, presentouse ao programa REACPON da Deputación de Pontevedra. Despois de recibir resolución na que se indica que non acadou a puntuación esixida para percibir a achega económica, Pereira solicitou audiencia no organismo provincial para coñecer a puntuación en detalle e poder fundamentar alegacións nun recurso administrativo. Cando Alejandro Lorenzo foi nomeado alcalde a finais de decembro, a Deputación aínda non contestara ao escrito presentado.
“O expediente non está pechado e non é certo que se perdera a subvención como afirma o alcalde. Entendemos que se trata dunha discrepancia á hora de interpretar as bases. O persoal técnico que o redactou e supervisou entende que o proxecto cumpre, e así llo comunicamos á Deputación. Alejandro Lorenzo o único que fixo foi repetir, días máis tarde, o mesmo escrito, solicitando o trámite de audiencia que eu xa fixera” declarou o portavoz do BNG, Pedro Pereira.
No BNG temos clara a nosa aposta por un Porriño máis humano, máis verde, pensado para as persoas. Tiñamos preparado un proxecto similar desde o Campo da Feira cara a Atios, para mellorar eses espazos moi transitados por peóns e onde entendemos é preciso anchear beirarrúas, plantar árbores e abrir un carril bici. Celebramos que o novo goberno queira defender os nosos proxectos, pero ten que ser honesto. “O alcalde debe pelexar por defender os intereses do Porriño ante outras administracións e non perder o tempo en intentar desprestixiar a nosa labor ou en duplicar o traballo feito”, denunciou Pereira, que tamén pediu máis rigor ao departamento de comunicación do concello. “As redes sociais do Concello do Porriño non poden estar ao servizo do aparato de propaganda do Partido Popular”, concluíu.