40 anos do BNG no Porriño
O BNG organiza un acto público aberto á cidadanía con motivo do 40 aniversario da existencia da fronte nacionalista. Será o domingo 11 de decembro ás 12h no Bar Liceum. Durante o acto político intervirán dirixentes históricos e actuais do nacionalismo na localidade e proxectaranse vídeos é fotografías das distintas etapas do Bloque no Porriño. Posteriormente, haberá unha sesión vermú e un xantar de confraternidade.
O nacionalismo de esquerdas no Porriño conta con presenza institucional continuada desde as primeiras eleccións municipais celebradas despois do franquismo, mesmo antes do nacemento do BNG en 1982. Ao longo destes 40 anos estivemos sempre presentes na defensa dos servizos públicos, dos dereitos nacionais e sociais, e nas loitas feminista e ecoloxista. Cando tivemos responsabilidades de goberno transformamos a vila recuperando espazos públicos para mellorar a calidade de vida das persoas. Temos un proxecto de futuro para O Porriño e afrontamos o reto de sumar máis xente para facelo realidade.
“Facemos 40 anos ao servizo do Porriño e celebrámolo volvendo a un lugar simbólico para o Bloque, o Liceum, reencontrámonos coas nosas orixes para coller impulso. Estamos no mellor momento da historia do BNG e aspiramos a todo, nas municipais de maio do 2023 queremos liderar un goberno de esquerdas e nas vindeiras galegas imos contribuír desde O Porriño a facer que Ana Pontón sexa a próxima presidenta da Xunta”, afirmou a responsábel local do BNG na localidade, Míriam Martínez.