A ruptura do goberno no Porriño obedece só a intereses partidistas e electorais

O BNG sempre desconfiou das alianzas cunha dereita que só ansía o poder para uso propio
 

A ruptura do goberno no Porriño obedece só a intereses partidistas e electorais

A decisión da alcaldesa de expulsar aos seus ata agora socios de Goberno só se explica dende interese partidista e electoral tanto do PSOE como da propia UDDL. Non está Eva García de la Torre a pensar no benestar dos porriñeses cando decide, a tan só catro meses dunhas eleccións, cesar das súas funcións aos concelleiros Manuel Carrera e Marcelino Coto. Non pode a alcaldesa alegar agora falta de lealdade ou incumprimento na acción cotiá de goberno por parte dos edís destituídos, cando tampouco os concelleiros do seu partido estiveron á altura do labor de xestión ordinaria que demanda a cidadanía do Porriño.
Xa dende o inicio, o BNG advertiu á alcaldesa socialista dos perigos de asociarse coa dereita, unha dereita que non dubidou en mercadear co seu voto para apoiar unha moción de censura no pasado e de escenificar unha escisión do PP para acadar unha maior cota de poder ao servizo persoal, non da veciñanza.
O BNG percibiu, e así o denunciou, o seu portavoz Pedro Pereira , xa ao pouco de comezar a lexislatura, a clamorosa ausencia dun proxecto político para o Porriño por parte do novo goberno. Só foi capaz de presentar uns orzamentos aos tres anos de iniciar o mandato. Uns orzamentos, por certo, moi mellorados coa achega das emendas do BNG. E aínda así, a alcaldesa e o seu equipo foron incapaces de executalo: o 90 por cento dos acordos acadados co BNG están sen executar. Un síntoma claro da ineficacia e escasa fiabilidade do goberno, agora descomposto.
Eva García de la Torre defendeu aos edís que agora cesa cando dende o BNG denunciamos a inacción e incompetencia de Coto e de Carrera. Xa que logo, é responsable última das deficiencias do seu executivo, porque é ela a directora dun equipo que non funciona, nin para os proxectos grandes, nin para os asuntos menores. É longa a ringleira de incumprimentos en temas transcendentais para a veciñanza do Porriño, propostas acordadas no pleno que nunca se chegaron a poñer en marcha como a mellora nas partidas de atención e emerxencia social, investimento e mantemento en saneamento e infraestruturas, mellora na prestación de servizos municipais, liñas de axudas ás traídas de auga, a creación dun servizo de normalización lingüística, etc.)
O BNG si ten un proxecto e realista para O Porriño. Para implementalo, o portavoz municipal e candidato as elección de maio, Pedro Pereira volverá procurar o apoio da cidadanía do Porriño. Para o que manifesta que O Porriño debe contar cun goberno que recupere a dignidade na xestión dos intereses públicos. Que queden atrás as políticas de revanchismo político practicadas pola dereita e os socialistas do Porriño nos últimos dez anos. Precisamos de gobernos centrados na resolución das demandas da veciñanza, nun concepto e idea de pobo para a xente.