O GRUPO MUNICIPAL DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, PRESENTA A SEGUINTE PROPOSICIÓN, PARA O SEU DEBATE EN PLENO, RELATIVA Á EMERXENCIA CLIMÁTICA E A MOBILIZACIÓN DO 27 DE SETEMBRO POLO CLIMA.

Moción en relación coa emerxencia climática e a mobilización do 27 de setembro polo clima

Este venres 27 de setembro está convocada unha mobilización mundial en defensa do planeta e para facerlle fronte ás ameazas e riscos derivados da chamada “crise do clima”. Trátase dunha chamada de atención diante do inexorábel “cambio climático” e da incapacidade de organismos internacionais e grandes corporacións para facerlles fronte.

Moción en relación coa emerxencia climática e a mobilización do 27 de setembro polo clima

A proba máis evidente desta crise son os recentes informes de dous organismos internacionais dependentes das Nacións Unidas: o Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC) e a Plataforma Intergubernamental de Biodiversidade e Servizos Ecosistémicos (IPBES). Estes informes fixeron saltar as alarmas sobre a catástrofe ambiental e humana a que está abocada o planeta se non se produce un drástico cambio de rumbo, xa que non se están cumprindo os obxectivos marcados nos sucesivos cumios do clima e os acordos internacionais ao respecto.

Non é tempo pois de “bágoas de crocodilo” nin de declaracións para a galería. É tempo de actuar, e de facelo con determinación. Cómpre aprobar un plan de acción que vaia ás causas do problema, non que simplemente minimice, atenúe e atrase as súas gravísimas consecuencias.

2. Dada a magnitude e as graves consecuencias que está a ter xa a “emerxencia climática”, consideramos necesario enfrontala desde unha tripla dimensión: a global, a galega e a local.

En primeiro lugar, nunha perspectiva global, cómpre denunciar o interese en poñer o foco de atención nas consecuencias da crise climática (incremento das temperaturas, seca, escaseza de recursos, destrución da biodiversidade, ameazas para a saúde) e non nas súas causas: sistema económico capitalista depredador de recursos, xerador de relacións inxustas e de graves agresións ás persoas, aos pobos e aos ecosistemas... Cómpre polo tanto denunciar as consecuencias da actual fase do capitalismo e explicar a crise climática nese contexto, poñendo en relación as agresións ao medio coas desigualdades económicas e sociais e as opresións nacionais e de clase.

En segundo termo, desde unha perspectiva galega é necesario ter en conta o papel de Galiza na economía estatal e mundial como fornecedora de materias primas, mediante o desenvolvemento de actividades extractivas e depredadoras que teñen altos custos ambientais e escasos beneficios sociais e para o país no seu conxunto. En consecuencia, débese situar no centro do debate as consecuencias para o clima, para a saúde, para a cohesión social e territorial e para o benestar colectivo das actividades extractivas de sectores como o enerxético, industrial, forestal, megamineiro, a mobilidade, o ciclo da auga, a xeración e xestión dos residuos, os macrocentros comerciais... defendendo un modelo alternativo que poña o relevo na sustentabilidade, na xustiza social, no equilibrio ambiental e no beneficio colectivo para o noso país.

En terceiro lugar, é necesario considerar como afecta a emerxencia climática no ámbito local e as medidas que poden desenvolver os concellos e deputación, no seu ámbito de competencia, para facerlle fronte a este desafío, mediante a redución da pegada ecolóxica con actuacións no ámbito do urbanismo, a mobilidade, a enerxía, a xestión dos residuos, a xestión do ciclo da auga, ou a aposta por un desenvolvemento económico máis sustentábel e máis xusto que fomente os recursos propios, as cadeas de valor e o comercio de proximidade.

3. O debate sobre a emerxencia climática é un terreo cheo de trampas, cheo de declaracións para a galería, de boas intencións e de posturas cosméticas. Todo o mundo se apunta á moda do verde, do sustentábel, da economía circular, mesmo aqueles gobernos e grandes corporacións que traballan xusto no sentido contrario e que son os principais responsábeis da crise do clima. Por iso precisamos menos declaracións e máis actuacións, menos postureo e máis medidas efectivas para cambiar o rumbo dun mundo que vai camiño da catástrofe.

Polo anteriomente exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da corporación a adopción dos seguintes Acordos:

  1. Apoiar a mobilización mundial en defensa do clima do 27 de setembro e organizar actividades dirixidas á sensibilización da poboación sobre as causas e consecuencias da emerxencia climática.
  2. Denunciar a responsabilidade dos gobernos, especialmente os dos países desenvolvidos, e das grandes corporacións na actual crise climática, e esixir ao Estado español e á UE que desenvolva medidas eficaces para facerlle fronte ás causas deste grave problema, que teñen que ver con un sistema económico depredador de recursos, xerador de relacións inxustas e de graves agresións ás persoas, aos pobos e aos ecosistemas.
  3. Reclamar ao goberno da Xunta de Galiza que desenvolva un marco lexislativo e estratexias concertadas con todos os axentes económicos, sociais e institucionais para loitar eficazmente contra as causas da emerxencia climática, mudando de raíz as súas políticas en relación coa ordenación do territorio, a protección da paisaxe e dos ecosistemas, a mobilidade, a xestión dos residuos, a enerxía, a minaría, a xestión da auga e en xeral as politicas económicas que fomentan a depredación dos recursos, a despoboación e o empobrecemento.
  4. Impulsar/seguir impulsando actuacións encamiñadas a minguar a pegada ecolóxica no seu ámbito xeográfico desenvolvendo as seguintes medidas no período 2019-2023:
  • Aposta por fontes de enerxías renovábeis no abastecemento, polo aforro e a eficiencia no consumo, e por un modelo enerxético sustentábel, xusto, accesíbel para os sectores máis desfavorecidos e que estea ao servizo do desenvolvemento das comunidades locais e da economía galega.
  • Desenvolvemento dun modelo de mobilidade sustentábel, saudábel e seguro, que potencie a mobilidade natural (a pé, en bici) e o transporte colectivo, e que restrinxa ao estritamente necesario a uso dos vehículos privados a motor.
  • Desenvolvemento de modelos urbanos compactos, accesibeis, amabéis e integradores, que favorezan a cohesión social, a creación de espazos públicos e zonas verdes seguras e accesíbeis, o dinamismo social e a actividade económica e comercial de proximidade.
  • Desenvolmemento de sistemas de xestión de residuos que promovan a redución, que fomenten a reutilización e que establezan o tratamento de proximidade dos biorresiduos primando a compostaxe domicialiaria e comunitaria. Demanda da implantación de sistemas de depósito, devolución e retorno para envases e ambalaxes
  • Implantación de sistemas de xestión pública do ciclo da auga que prioricen o aforro, a reutilización, a eficiencia das redes de distribución e tratamento, e a sensibilización social sobre o uso sustentábel da auga. Apoio a sistemas de xestión comunitaria da auga que primen o aforro, a eficiencia das redes de distribución, o consumo responsábel e a reutilización dos recursos.
  • Fomento da produción e o consumo de proximidade, potenciando iniciativas de produción e comercialización de produtos locais.
  •  Potenciar os espazos naturais protexidos e a súa conectividade e impulsar iniciativas de posta en valor do monte apostando pola multifuncionalidade e a limitación das especies forestais como o eucalipto que degradan e empobrecen os ecosistemas.
  1. Creación dun comité ou gabinete de acción contra a emerxencia climática, en coordinación con outras instancias institucionais. O obxectivo deste comité é analizar, propoñer e coordinar todas as actuacións da institución para facerlle fronte á crise climática tendo en conta as competencias na materia, que poderán ter a condición de Plan Director ou Plan Estratéxico fronte á emerxencia climática.  A súa elaboración, desenvolvemento, seguimento e avaliación farase coa máxima participación social, coa necesaria perspectiva de xénero e con criterios de transparencia.

  

                                                             O Porriño, 18 de setembro de 2019