A Concellería de Infraestruturas e Urbanismo, dirixida polo nacionalista Pedro Pereira, convoca subvencións ás traídas de augas do Porriño

Os nacionalistas seguirán a traballar para que, ademais de subvencionar gastos correntes, se incorpore outra partida para inversións nos orzamentos do 2020

A Concellería de Infraestruturas e Urbanismo, dirixida polo nacionalista Pedro Pereira, convoca subvencións ás traídas de augas do Porriño

Dende a formación nacionalista manifestan a súa satisfacción coa publicación da primeira convocatoria que se fai no Concello do Porriño para a concesión de subvencións ás Comunidades de aguas parroquiais. Esta liña de subvencións introduciuse nos orzamentos do 2018, en vigor na actualidade, polas emendas presentadas polo BNG ao orzamento. Esta primeira convocatoria fai realidade, por un lado, a demanda das distintas asociacións e, por outro, as xestións que os nacionalistas levaron a cabo para conseguir que se incluira no orzamento do Concello un importe para este fin.

As axudas publicadas teñen como obxectivo subvencionar gastos correntes das Comunidades de augas, como os gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e gastos de mantemento e conservación en captacións de augas, obras de reparación,... As axudas comprenden un importe máximo total de 95.000 euros e cun límite máximo de 8.000 por asociación.

O Bloque Nacionalista Galego sempre tivo claro que os Concellos, como administración máis proxima, deberían establecer nos seus orzamentos partidas para colaborar coas redes de titularidade veciñal así como coordinar e colaborar para que nas parroquias haxa un servizo de calidade no subministro de auga.

O BNG seguirá traballando nesta liña para que, ademais de subvencionar gastos correntes, se incorpore outra partida para inversións. Non cabe dúbida de que os gastos que teñen que facer as asociacións superan a súa capacidade económica para poder manter un bo servizo no abastecemento das augas á veciñanza.