O BNG recrimina ao goberno de Eva García de La Torre non ter convocado a liña de axudas ás traídas de augas veciñais

O BNG recrimina ao goberno de Eva García de La Torre non ter convocado a liña de axudas ás traídas de augas veciñais

O Bloque Nacionalista Galego considera que o goberno de Eva García de la Torre despreza as distintas comunidades de augas cando, sete meses despois de ter aprobados os orzamentos para o 2018, non foi quen de publicar a liña de axudas para a xestión e mantemento das distintas traídas de augas do concello.

De sobra é coñecido que o abastecemento de auga é un servizo básico que teñen que prestar os concellos, mais a dispersión dos núcleos urbanos e a falla de investimentos para a ampliación das redes de subministro fixo que os veciños e veciñas das parroquias asumisen a execución de captacións e das redes de distribución colectivas propias, para suplir un servizo que o Concello non prestaba nas parroquias. Por isto, o BNG, vendo que na proposta de orzamentos que propuxo o goberno non contemplaba ningunha partida económica específica para as traídas, propuxemos unha partida inicial de 135.000€, que foi finalmente aceptada polo goberno, e incorporada aos orzamentos, aínda que cun importe de 95.000€.

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Pedro Pereira, considera que todas as comunidades de auga necesitan da colaboración do Concello do Porriño para axudar nos gastos de reposición e mantemento de redes, da limpeza das captacións e tamén dos custos das analíticas para ofrecer unha auga de calidade. Por iso acusa ao goberno de Eva García de La Torre e de Manuel Carrera de mentir e enganar ás directivas das traídas veciñais, cando lles prometeron que este ano habería unha liña de axudas para as traídas de auga e resulta que a menos dun mes e medio para acabar o ano aínda non foi publicada a convocatoria. E o peor é que xa non hai tempo material para publicar os pregos, presentar solicitudes, que o Concello resolva e que as directivas poidan presentar os correspondentes xustificantes do gasto antes de que acabe o ano. Estamos diante dun ano perdido no respecta ás axudas regradas e en igualdade de condicións para as directivas das traídas veciñais. Unha mágoa, pero é o goberno que temos.