O BNG quere impulsar a lexislatura da participación social no Porriño

Reunión mantida polo BNG con colectivos veciñais
Reunión mantida polo BNG con colectivos veciñais

Un regulamento de participación cidadá que inclúe a elaboración de orzamentos participativos, impulsar consellos sectoriais ou a creación da Mesa Municipal polo Emprego, entre as propostas do BNG para O Porriño

O BNG quere impulsar a lexislatura da participación social no Porriño

O BNG quere aprobar un Regulamento de Participación Cidadá e establecer un orzamento participativo, introducindo fórmulas de participación veciñal na decisión sobre a orientación dos recursos públicos. Modifícase o regulamento das sesións plenarias para permitir a participación da cidadanía. A proposta de regulamento do Bloque inclúe tamén a creación de consellos sectoriais.

Debemos crear as bases, as estruturas de participación coas que poder acordar entre todos e todas O Porriño do futuro. O BNG mantivo encontros con representantes do tecido asociativo local, asociacións culturais, comunidades de montes e traídas de augas, e incorporou ao seu programa de goberno para O Porriño achegas destes colectivos. “Queremos recoñecer publicamente o traballo que realizan e o seu compromiso e dedicación de xeito altruísta para coa veciñanza. O BNG quere gobernar O Porriño da man do tecido asociativo local”, afirmou o candidato Pedro Pereira.

Para coordinar toda a actividade cultural do municipio, queremos crear un Consello da Cultura, un foro no que o tecido cultural local e as asociacións poderán debater, ter voz e participar das políticas culturais do Porriño. Precisamos negociar uns convenios coas asociacións aplicando criterios máis xustos e equitativos. “Tratar a todo o mundo por igual, garantir que a cultura chegue a todos os lugares e axudar máis a quen máis fai”, afirmou o candidato do BNG, Pedro Pereira.

A posta en marcha da Mesa Municipal polo Emprego é outro dos obxectivos do BNG. Xunto con outras administracións, sindicatos, asociacións de empresarios, centros de ensino e axentes sociais implicados, queremos xerar desde o Concello sinerxías que melloren a creación de emprego e marcar itinerarios formativos para a mocidade que se axusten ás necesidades de emprego do municipio.

“O BNG defende unha sociedade activa, viva e implicada na creación de máis convivencia. O que o PP vende como favores para nós son dereitos. Os concellos débense ás persoas, e deben actuar con equidade extrema no trato a veciños e veciñas, erradicando calquera favoritismo baseado en afinidades, tradicións ou privilexios adquiridos, e ao tempo deben ser transparentes na información sobre o uso dos recursos públicos”, concluíu o candidato do Bloque.

O BNG quere impulsar a lexislatura da participación social no Porriño