O BNG quere converter o Campo da Feira na gran alameda do Porriño

Infografía do proxecto
Infografía do proxecto
A proposta contempla tamén a humanización do barrio de San Sebastián e elimina o tráfico nas rúas Pío XII e Manuel Rodríguez
O BNG quere converter o Campo da Feira na gran alameda do Porriño

Para converter o Campo de Feira na gran alameda do Porriño é preciso soterrar o tráfico rodado na rúa Domingo Bueno, no tramo comprendido entre os cruces coas rúas Fernández Areal e Carrola, e completar a humanización cara ao barrio de San Sebastián. Unha actuación necesaria para dar continuidade á aposta iniciada polo Bloque no 2003 coa peonalización do centro, continuada recentemente coas humanizacións nos barrios de San Bieito e Aloques.

“Merecemos un urbanismo que aporte calidade de vida á veciñanza, que deixe atrás un modelo pensado para o transporte a motor e priorice espazos públicos para as persoas. Se lideramos o goberno a partir do 28 de maio seguiremos avanzando no modelo BNG. Non nos conformamos coas solucións parciais que sempre ofrece o PP”, declarou o candidato do Bloque, Pedro Pereira, en relación á actuación que Concello e a Xunta anunciaron para este espazo. “Queremos facer do Campo da Feira un lugar de esparexemento para a xente eliminando a tráfico en superficie. Temos que proxectar con ambición O Porriño do futuro”, sinalou Pereira.

O Porriño precisa máis espazos con arboredo no corazón do casco urbano. É necesario incrementar ambientes vexetais en rúas e prazas para aumentar o confort térmico e combater os efectos do cambio climático. A contorna do Centro Social, se damos prioridade aos peóns nas rúas Pío XII e Manuel Rodríguez, é outro espazo idóneo. Conectaremos así as dúas zonas peonís hoxe existentes e axudaremos a dinamizar o comercio local.

Eliminar o tráfico do centro fai que as persoas tomen o protagonismo e mellora a cohesión social, con espazos para convivir e nos que poder tamén programar actividades culturais e de lecer. Este modelo permite que os nenos e nenas poidan saír con seguridade á rúa, o que nos permitirá deseñar camiños seguros para que se despracen a pé aos centros de ensino.

O BNG quere converter o Campo da Feira na gran alameda do Porriño