O BNG do Porriño considera innecesaria a adquisición de vehículos de alta gama para servizos municipais

O BNG do Porriño considera innecesaria a adquisición de vehículos de alta gama para servizos municipais

O parque de vehículos dos servizos municipais de obras, xardinería e mantemento é evidente que precisaba dunha renovación, xa que os vehículos existentes non estaban en condicións de circulación, tal e como indican os informes técnicos que hai no expediente. Por outra banda existe un estudo económico, en base ás necesidades dos servizos e en función dos custes de mantemento dos vehículos actuais, que recomenda un procedemento de Renting e non de compra, o reducírense deste xeito os gastos anuais.

Cando o Concello, na redacción dos pregos de condicións, marca uns prezos e unhas necesidades superiores ás verdadeiramente necesarias, dá lugar a que as empresas oferten unhas melloras en alta gama e potencia dos vehículos que para nada necesita o Concello do Porriño.

“Consideramos innecesario o número de vehículos e as características de algún dos mesmos, algunhas de media ou alta gama, que fixeron que o prezo fose máis elevado, existindo de feito no mercado vehículos máis axeitados e máis económicos que cubrirían as necesidades dos servizos municipais. É fundamental que dende o Concello se revise a redacción dos pregos de condicións á hora de levar adiante licitacións coma esta e se marquen e axusten nestes as verdadeiras necesidades dos servizos municipais”, manifestou o portavoz nacionalista Pedro Pereira. “O BNG entende que as prioridades do Concello son outras, como atender mellor as necesidades sociais que demanda a veciñanza”. 

O BNG tamén considera que o goberno municipal, ou o tribunal constituído para o procedemento de licitación, non podía aceptar como técnico de valoración das ofertas o xefe da policía local, e pola contra debería ter contado cun técnico industrial independente.

Dende a organización nacionalista solicitan do goberno municipal a revisión do contrato, dentro das vías de revisión contempladas nos pregos de condicións.