ACTO CENTRAL DO BNG NO PORRIÑO

O BNG deixa claro ante a veciñanza cales son as súas principais ideas para transformar o Porriño nos vindeiros anos

Pedro Pereira durante a súa intervención no Acto Central do Porriño
Pedro Pereira durante a súa intervención no Acto Central do Porriño

Pedro Pereira e integrantes da súa candidatura expuxeron na tarde do mércores algunhas propostas do seu programa

Unha actuación global de mellora das zonas de San Bieito e o Campo da Feira é un dos seus obxectivos principais

O BNG deixa claro ante a veciñanza cales son as súas principais ideas para transformar o Porriño nos vindeiros anos

Coas intervencións de varias das persoas que integran a candidatura do BNG fóronse debullando -ao longo do seu acto central celebrado este mércores na Praza do Cristo- algunhas das liñas nas que considera necesaria unha actuación prioritaria para transformar en positivo o Concello: a mocidade, os servizos públicos, a igualdade, a cultura como elemento transformador, a normalización lingüística e o turismo son eixos fundamentais sobre os que o BNG pon o foco para levar a cabo as primeiras actuacións se a cidadanía confía nesta candidatura como opción de goberno do Porriño.

Neste acto o BNG estivo acompañado pola deputada no Parlamento Galego Montse Prado, que manifestou tamén “a importancia de que Galiza teña voz propia en Europa, xa que a única deputada galega que traslada os problemas dos galegos e das galegas a Bruxelas para a procura de solucións é Ana Miranda”.

O candidato á alcaldía, Pedro Pereira, na súa intervención, ademais de expoñer aos asistentes a actuación que pretende levar a cabo nas zonas de San Bieito e o Campo da Feira -moi demandadas pola veciñanza e que serían unha continuación da zona xa peonalizada polo BNG no seu momento- quixo tamén deixar claro que van seguir traballando no entorno do río Louro, “mentres outros partidos políticos parecen descubrir agora este espazo de lecer para as veciñas e veciños, nós xa levamos anos apostando por el. Aínda queda moito por facer, só queremos ter a oportunidade para seguir traballando na súa ampliación e dotalo de maiores servizos. O goberno do BNG foi o que apostou por abrir o río para os porriñeses e as porriñesas e seguiremos traballando para que este espazo se integre en maior medida na vila”.