O BNG asume compromisos de investimentos esquecidos pola Xunta no Porriño

Ana Pontón no acto do Porriño
Ana Pontón no acto do Porriño

 

Acusa o PP de prometer agora o que non foi quen de facer en 15 anos

O BNG asume compromisos de investimentos esquecidos pola Xunta no Porriño

Desde que é alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo e o goberno do PP na Xunta prometeron: a construción de dúas escolas infantís, un centro de día e unha residencia de maiores, un refuxio para animais, unha nova praza pública en Pío XII, un gran parque no río Louro ou un novo auditorio. Algunhas son promesas feitas hai xa dous anos e, de momento, ningunha realidade.

Nos últimos 15 anos de goberno do PP na Xunta, non houbo ningún proxecto para o noso concello, máis alá da ampliación do Centro de Saúde. Este fora un proxecto iniciado polo BNG que a Xunta retardou até que o PP alcanzou a Alcaldía.

Foi co BNG no goberno bipartito (2005-2009), cando se investiu por última vez en materia social no noso concello: coa construción de vivenda pública e dun Centro de Día para maiores en Torneiros; e cunha Escola Infantil na rúa Doantes de Sangue, na zona nova da vila. Despois de 15 anos de abandono total da Xunta, as promesas do PP son un insulto á intelixencia da cidadanía do Porriño. O PP ten medo a perder a Xunta e está instalado nunha campaña de propaganda política.

OS COMPROMISOS DO BNG CO PORRIÑO

Ana Pontón comprometeuse recentemente na súa visita ao Porriño a dotar suficientemente os servizos básicos diarios no Centro de Saúde, con máis prazas de pediatría (no PAC compartido con Salceda e Mos) e xinecoloxía. Tamén se dotará de persoal un espazo habilitado para fisioterapia e saúde mental, servizos de apoio non prestados actualmente. 

Un grave problema que afecta á saúde pública no Porriño é a contaminación por lindano. Alejandro Lorenzo e o PP anunciaron hai dous anos investimentos de 3 millóns de euros para descontaminar de lindano e non houbo avance ningún. O BNG afrontará este problema con seriedade, sen mentiras e investindo recursos públicos en buscar solucións.

Acometer o soterramento das liñas de alta tensión que afectan as parroquias de Atios e Torneiros e mellorar a mobilidade e a seguridade nas estradas de competencia autonómica en Budiño, son vellas necesidades que tamén estarán na axenda dun goberno galego liderado polo BNG. Tamén impulsaremos desde a Xunta o traslado do matadoiro para recuperar o río Louro e catalogalo como Espazo Natural de Interese Local.

O Porriño é un dos concellos con máis alta natalidade da contorna e estas cifras esixen un investimento social en consonancia. A reforma integral do CEIP Xosé Fernández López e dotar con máis prazas de infantil o noso municipio serán unha prioridade. Estamos falando da educación dos nenos e nenas deste concello e aí non se pode escatimar.

O BNG asume compromisos de investimentos esquecidos pola Xunta no Porriño