O Bloque Nacionalista Galego do Porriño mantén aberta a negociación co PSOE para a investidura e un posible goberno de coalición

O BNG contempla a posibilidade dun pacto de goberno co PSOE, no que non ten cabida ningún representante de UDDL, baseado nun acordo programático e de estrutura de goberno, co obxectivo de impulsar políticas transformadoras da realidade actual encamiñadas á eficiencia e transparencia na prestación de servizos e a optimización de recursos públicos

O Bloque Nacionalista Galego do Porriño mantén aberta a negociación co PSOE para a investidura e un posible goberno de coalición

A Comisión negociadora do Bloque Nacionalista Galego mantén abertas as conversas co Partido Socialista do Porriño, en cumprimento do acordado pola militancia, para avanzar nun acordo de investidura de Eva García de La Torre e un pacto de goberno cos seguintes obxectivos:

  • Impulsar políticas transformadoras da realidade actual do concello do Porriño. Encamiñadas a mellorar a eficiencia na prestación de servizos e a optimización de recursos públicos.
  • Compromiso de boas prácticas no exercicio da función pública e potenciar a transparencia dos distintos departamentos do concello do Porriño.
  • Avanzar na normalización social da lingua galega no ámbito institucional e social creando o Departamento Municipal de Normalización Lingüística.
  • Fomentar a participación cidadá, desenvolvendo instrumentos reguladores que teñan como finalidade mellorar a relación cidadanía-administración. Redactar e aprobar o regulamento de participación cidadá e a creación de distintos consellos sectoriais: Consello da cultura, Consello do deporte, Consello da muller,...
  • Compromiso de impulsar políticas activas desde o Concello do Porriño que confronten co patriarcado e defendan os dereitos das mulleres para vivir nun concello en igualdade. Ter presente unha perspectiva de xénero no tratamento dos espazos públicos, da seguridade e da mobilidade. Elaborar un plan integral contra a violencia machista co obxectivo de promover a concienciación e a prevención da violencia de xénero.
  • Compromiso real na defensa dos servizos públicos para garantir a súa universalidade. Apostar pola xestión directa de forma progresiva dos servizos públicos, que na actualidade están xestionados de xeito externalizado. Impulsando a creación da empresa pública municipal de servizos do concello do Porriño.         

O obxectivo do BNG é pechar, antes da investidura, un acordo sobre a estrutura de goberno e un calendario de liñas de actuación a corto prazo como:

  • Constitución dun grupo de traballo (comisión) co obxectivo de coordinar as accións relativas descontaminación de solos afectados por residuos de lindano.
  • Aprobación do regulamento orgánico das sesións plenarias.
  • Aprobación do regulamento de participación cidadá.
  • Aprobación do Consello da Cultura.
  • Impulsar dende o goberno accións en defensa da sanidade pública, demandando a ampliación do centro de saúde e mais dotacións materiais e de persoal.
  • Programación de reunións previas a aprobación inicial do PXOM.
  • Subvencións ás traídas de augas.
  • Impulsar a creación da Escola municipal de teatro.
  • Elaboración da proposta de orzamentos para o exercicio 2020.

Deixando aberta para despois da investidura a opción de traballar nun posible acordo de goberno entre as dúas organizacións políticas, a día de hoxe, venres 14 de xullo, continúan abertas as negociacións.