A situación xudicial de Nelson Santos a debate no pleno convocado polo BNG

A situación xudicial de Nelson Santos a debate no pleno convocado polo BNG

Pleno de onte no PorriñoNelson Santos terá que volver comparecer no pleno (mércores 30 de abril ás 17:30h) para responder ás preguntas do BNG sobre o proceso xudicial no que está inmerso en calidade de imputado por suposta corrupción e irregularidades na contratación municipal. Xa se vira obrigado a dar explicacións hai agora un ano, negando daquela calquera implicación nos feitos. Agora a xuíza ven de fechar as dilixencias previas á celebración do xuízo oral, e lonxe de deixalo “libre de cargos” como el mesmo se declara, mantén a súa imputación e amplía a lista de implicados a outros concelleiros do goberno e empresas afíns ao PP. “O alcalde non pode agocharse por máis tempo nin aferrarse a dicir de que non fixo nada irregular cando vai ser xulgado por feitos moi graves. Ten que dar explicacións concretas sobre a situación xudicial do seu goberno e os veciños e veciñas teñen dereito a coñecelas de primeira man”, afirmou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira. O BNG esixirá a Nelson Santos e aos demais membros do goberno local imputados, que asuman as correspondentes responsabilidades políticas e presenten a súa dimisión

A investigación xudicial destapou a existencia dunha suposta rede clientelar creada polo PP desde o concello, coa colaboración de empresas afíns, para saltarse os procedementos legais en materia de contratación laboral, obras e servizos. Nelson Santos optou por non respectar os procedementos administrativos que garanten a igualdade de oportunidades para todas as persoas, para vender favores políticos e anuncialos como políticas activas de emprego.“Parécenos lamentable que o goberno pretenda aproveitarse das persoas desempregadas do Porriño facendo que o dereito ao traballo dependa da relación co señor alcalde e co seu partido e non duns criterios obxectivos de valoración. Estas son as verdadeiras políticas de emprego do PP”, declarou Pereira.

No pleno convocado polo Bloque trataranse ademais diversos temas de interese para a veciñanza, como unha proposta de modificación da polémica ordenanza da auga aprobada polo Consorcio do Louro, unha proposta de acordo para garantir que se asinen canto antes os convenios coas asociacións culturais das parroquias ou a solicitude de melloras normativas relacionadas coa enfermidade profesional contraída polos afectados da silicose. A orde do día do pleno incluirá tamén unha moción de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para a creación de emprego en Galiza, presentada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) para o seu debate no Parlamento Galego

O grupo do BNG solicitou ademais a comparecencia plenaria da concelleira de Benestar Social e Igualdade, Teresa Veloso, para que explique no pleno a perda dunha subvención pública no seu departamento, o porqué da súa negativa a facilitarnos documentación solicitada referente ao banco de alimentos SOS Porriño e para esixirlle que cumpra o acordo plenario polo que o concello se comprometeu a iniciar unha campaña informativa en defensa do dereito ao aborto. “A ocultación de información por parte do goberno demostra o interese que o PP ten en seguir agochando a súa xestión”, indicou o portavoz nacionalista.

“O goberno local está ocupado nos seus problemas xudiciais e pouco interesado en debater os asuntos que lle preocupan á cidadanía. O BNG asume a súa responsabilidade política como principal grupo da oposición convocando un pleno extraordinario no que se debaterá sobre o estado do municipio. O Concello do Porriño está sufrir unha política nefasta e nada transparente por parte do PP, como demostra a actuación do poder xudicial”, concluíu Pedro Pereira.

 

A situación xudicial de Nelson Santos a debate no pleno convocado polo BNG