Nelson Santos terá que explicar no pleno as novidades sobre a súa imputación xudicial
Segundo a informacións ás que tivo acceso o BNG, a titular do xulgado de instrución número 3 do Porriño ven de rematar coas dilixencias previas, nas causas abertas contra Nelson Santos e outros membros do goberno do PP no Porriño por suposta prevaricación, malversación de fondos públicos e trato de favor a empresas amigas.
De confirmarse, unha vez a xuíza levante o segredo de sumario previo a iniciar o xuízo oral, que se manteñen as imputacións do alcalde e doutros concelleiros do goberno por saltarse a legalidade e contratar, supostamente a dedo, empresas afíns ao PP para a prestación de obras e servizos municipais, o BNG esixirá ás persoas imputadas que asuman as correspondentes responsabilidades políticas e presenten a súa dimisión.
Os expedientes investigados afectan a contratos con empresas que teñen prestado ou prestan servizos ao concello, tendo o BNG coñecemento de que responsables das mesmas foron chamados a declarar no xulgado. No caso de que se abran as imputacións aos administradores destas empresas, o Bloque solicitará tamén que Concello do Porriño rescinda inmediatamente toda aquela relación contractual existente coas mesmas.
Coñecedores de que a policía xudicial e o xulgado que instrúe o caso solicitaron numerosa documentación do concello para incorporar á causa xudicial aberta, solicitamos hai días unha comparecencia pública do alcalde convocando un pleno extraordinario no que lle esiximos que informe á corporación e ao conxunto da cidadanía da súa situación xudicial e dos expedientes investigados pola fiscalía e requiridos polo xulgado do Porriño. Esta sesión extraordinaria celebrarase finalmente o vindeiro mércores 30 de abril ás 17h.