Moción por un proceso constituínte que garanta o dereito a decidir

Moción por un proceso constituínte que garanta o dereito a decidir

10339952_10204144744727900_1650746588971623780_nO pasado 2 de xuño coñecemos a noticia da abdicación do xefe do Estado español, o rei Juan Carlos I, e a proposta de continuidade do anacrónico réxime monárquico que padecemos. A monarquía é un réxime incompatíbel cun sistema democrático, un réxime "vitalicio" e "hereditario" estabelecido "pola graza de Deus" e que supuxo, no caso español, a continuidade co franquismo. Por outra parte, existe nestes momentos unha fonda desafección a unha monarquía inmersa en escándalos de corrupción, con prácticas profundamente antidemocráticas e que deixan en evidencia o seu papel de simples vividores a custa da cidadanía.

Estamos a asistir a unha operación de cosmética para salvar o réxime, sabedor de estar sendo cuestionado pola inmensa maioría da poboación que non se identifica nin se sente representado pola familia real. Nesta conxuntura, ao BNG non lle vale unha simples mudanza de caras que dean continuidade ao réxime unitario e centralista deseñado na Transición e perpetúen a monarquía como símbolo e garante desa unidade. O que a cidadanía galega precisa é liberdade e capacidade para decidir. E nese espazo verdadeiramente democrático, onde se garanta o dereito de autodeterminación dos pobos, non ten cabida ningún rei. Por todo isto, xulgamos importante que se inicie un proceso constituínte, baseado na soberanía dos pobos, onde Galiza sexa referente político.

Nos últimos anos asistimos a un proceso de recentralización política que mingua, aínda máis, a capacidade da Galiza para decidir sobre si propia, sobre os seus sectores produtivos, sobre o seu futuro. E isto, en medio dunha non menos profunda crise do sistema político español, que atinxe todas as institucións que o conforman, nomeadamente a monarquía. Foi esta mesma monarquía a que veu funcionando como principal elemento simbólico dun sistema político que nos nega como nación e que impide o noso libre desenvolvemento como pobo.

Por todo isto,  o grupo municipal do BNG ven de presentar no Concello do Porriño unha moción para o seu debate e deliberación no Pleno da Corporación municipal na que solicitamos a adopción dun acordo para instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado o inicio dun proceso constituínte que supere o réxime borbónico e garanta o dereito de autodeterminación dos pobos que conforman o Estado español, recoñecendo o seu dereito a decidir.

 

Moción por un proceso constituínte que garanta o dereito a decidir