Entrevista a Pedro Pereira: "Cremos firmemente noutra forma de gobernar, máis social e de esquerdas"
Cómo se da a túa volta como concelleiro despois de non ter formado parte das listas municipais do BNG nesta lexislatura? Non debe sorprender que nos grupos políticos se produzan relevos de persoas. A asemblea local do BNG, ante unha solicitude de renuncia de tres compañeir@s, decidiu cubrir as baixas coas persoas que agora nos incorporamos ao concello. A lei de réxime local permite nomear nov@s representantes de renunciar as persoas que conformaron a candidatura. Despois da marcha de quen encabezaron a lista, é perfectamente entendíbel que para as persoas que formaron parte da candidatura resulte difícil asumir a responsabilidade que deixaron esas vacantes.
E qué opinión tes da xestión do goberno do Partido Popular no Porriño que encabeza Nelson Santos? Santos e o PP gobernan só para os seus. A xestión do concello está marcada pola falta de transparencia e por ter un concepto da función pública interesado. Contando con maioría absoluta . prefiren aprobar gastos por vías extraordinarias e urxentes e cos informes dos técnicos en contra, antes que elaboran uns orzamentos municipais, que son a ferramenta de planificación dun goberno. Esta falta de control no gasto abre a porta a irregularidades administrativas.
Os gobernos desenvolven políticas que responden a unha forma particular de entender o que é mellor para a sociedade, cál crees que é a liña que está a seguir o PP no Porriño? O maior erro deste goberno é o xeito discriminatorio e autoritario que ten de actuar. Para sosterse, ten que alimentar unha rede clientelar tecida a base de favores e ameazas. Estase vulnerando a liberdade de pensamento e a meirande parte dos medios de comunicación responden a propaganda política contratada polo PP cos cartos de tod@s. A actuación deste goberno remóntanos a prácticas do PP de Barros. A negativa de Santos e Jacobo a dar explicacións sobre a súa imputación xudicial por suposta prevaricación e trato de favor a empresas amigas é un claro síntoma de que a situación política do Concello do Porriño ten un déficit democrático grave.
Cómo afecta este xeito de gobernar ao día a día das persoas? O PP pretende espallar un sentimento de medo entre a cidadanía. Poño por caso a denuncia interposta polo goberno local contra as persoas vítimas das preferentes, un roubo no que o propio Santos participou como director de banca. En políticas de emprego agudizan a precariedade laboral e a desigualdade no acceso aos servizos. O aforro anunciado de 63.000 no gasto das festas para investir na contratación por urxencia de 59 persoas semella, sendo conscientes da axuda que supón para quen accederon a eses postos de traballo, unha tomadura de pelo á cidadanía, unha limosna para vender favores políticos. A prestación dos servizos sociais deixou de ser un dereito para converterse nunha acción de beneficencia na que goberno e simpatizantes do PP participan sen escrúpulos no reparto de alimentos a familias necesitadas. Por sorte, cada vez son máis as persoas que censuran esta forma de actuar e o goberno de Nelson Santos ten cada día menos crédito político.
Non se lle debe esixir a un alcalde que defenda a igualdade de oportunidades e garanta que non se produzan discriminacións entre as persoas?
Evidentemente, desde a representación política pero tamén desde a rúa. No Porriño a xente tivo a oportunidade de vivir outro xeito de gobernar co BNG, máis democrático, e desa experiencia, asumindo os erros que tamén cometemos, tod@s aprendemos. As primeiras desigualdades foméntaas o PP dentro da propia corporación municipal. O alcalde négalle ao BNG dereitos relacionados co acceso á información para exercer o labor de control político que nos corresponde como oposición. Esta actitude fainos pensar que do que se trata é de ocultar a súa mala xestión sabedor de que non está respectando a lei no trámite de varios expedientes administrativos, como así constatou a fiscalía para iniciar o procedemento xudicial no que está agora inmerso.
As decisións políticas hoxe máis que nunca, parecen tomarse cada vez máis afastadas dos intereses das persoas, qué alternativa ofrece o BNG? O BNG é unha forza nacionalista e de esquerdas. No Porriño, como primeira forza da oposición, queremos recuperar a ilusión de quen deixaron de crer en que existe unha alternativa política ao PP. Nós cremos firmemente noutra forma de gobernar, máis social, que poña en marcha unha redistribución da riqueza respectando a carga fiscal que soportan as familias. Dentro das competencias municipais son moitas as accións que se poden desenvolver, e o BNG demóstrao nos concellos que goberna plantándolle cara aos recortes sociais do PP. Desde o poder local podemos incidir nunha ordenación do territorio máis sostíbel, no deseño de políticas de emprego e servizos sociais a prol das persoas ou protexermos o noso patrimonio etnográfico e cultural. Pero esta tarefa ten que ser colectiva. É imprescindíbel que todas as persoas e asociacións teñan oportunidade de participar. Por riba de lexítimas diferenzas de opinións, debe existir comunicación e respecto mutuo entre o asociacionismo veciñal ou social e o concello, algo que Nelson Santos e o PP non son quen de aceptar