O concello exclúe de forma arbitraria a participantes nun proceso de selección
O Concello do Porriño non admitiu, dentro dun proceso de selección aberto para a contratación de persoal para brigadas de extinción de incendios, os informes de saúde presentados por un bo número das persoas aspirantes. Estes informes, ao entender do BNG perfectamente válidos, viñan asinados por persoal médico do Centro de Saúde do Porriño. Os informes rexeitados indicaban a idoneidade da/do paciente para desenvolver a actividade ofertada, sin recoller de forma íntegra o texto completo incluído nas bases publicadas polo concello. Ao non se aceptar como válida esta documentación, numerosas persoas foron excluídas do proceso de selección aberto.
Nun dos informes rexeitados polo concello aos que tivo acceso o BNG, indicábase, ao respecto da saúde do solicitante: "Paciente de 35 anos vacinado e revacinado de toda enfermidade infecto-contaxiosa, que no momento actual non presenta patoloxía que lle impida o normal desenvolvemento da súa actividade habitual"
Desde o Bloque entendemos que un informe de saúde asinado por persoal médico acreditado do SERGAS, cumple necesariamente cos requisitos recollidos nas bases do concurso, e parécenos unha tremenda inxustiza para coas persoas excluídas que se rexeiten informes legais e perfectamente válidos por unha cuestión puramente formal. Coñecedores da situación despois de ter recibido queixas de persoas afectadas, denunciamos os feitos no pleno sen recibir explicacións por parte do PP. Estes compartamentos non fan máis que alimentar as sospeitas sobre arbitrariedades e favoritismos na área de Emprego do Concello do Porriño. Desde o BNG defendemos un trato igualitario e xusto para todas as persoas que se presentan ás probas de selección do concello.