O BNG valora que se recupere a feira ecolóxica pero reclama máis traballo de concienciación
O BNG valora positivamente a recuperación da feira e solicitamos ao goberno que manteña a súa celebración con periodicidade, pero botamos en falta que se programen, desde a concellaría do Medio, obradoiros e actividades que fomenten a concienciación ambiental durante todo ano. Cremos que a día de hoxe a demanda que existe na sociedade sobre cuestións ecolóxicas e sustentables é cada vez maior.
Lamentamos que o goberno local presentase a feira como a primeira celebrada no noso municipio, cando entre os anos 2005 e 2009, o goberno do BNG organizou cinco edicións da Mostra de Produtos Ecolóxicos e Naturais do Porriño Feiraviva, paralizada, xunto con toda a programación ambiental do concello, coa chegada ao poder do PP no 2010. Non é a primeira vez que o PP pretende apropiarse do traballo do Bloque, algo que nos parece pouco ético en política.
Defendemos que as administracións públicas aposten decididamente polo modelo de produción ecolóxica, para garantir unha alimentación saudable e de calidade e para fomentar o produto local en contraposición co modelo que ofrecen as grandes multinacionais. A decisión de vivir dun xeito máis ecolóxico é, ademais dun enriquecemento da calidade de vida persoal, unha oportunidade para empregar a moita mocidade desocupada que aposta pola sustentabilidade.