O BNG solicita a Teresa Veloso explicacións sobre a súa xestión no concello
No pleno ordinario do pasado mes de febreiro, a Sra. Teresa Veloso recoñeceu que o Concello do Porriño perdera a subvención anual da Xunta destinada á prevención de drogodependencias, si ben afirmou que o servizo estivo cuberto igualmente grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra. A concelleira mentiu no pleno, xa que o servizo posto en marcha só cubriu unha campaña dun mes de duración e a subvención perdida garantía contratar persoal técnico para manter activo o servizo de prevención durante sete meses. Desde o BNG esiximos explicacións sobre a perda desta subvención así como información sobre as iniciativas que se están a por en marcha desde a concellaría de Benestar Social en materia de prevención de drogodependencias.
O BNG preguntará tamén á concelleira polas xestións realizadas desde o concello para recibir as liñas de subvencións destinadas á financiar os distintos servizos sociais municipais, así como pola previsión que o departamento que dirixe contempla para a partida de emerxencia social de cara a aprobación dun novo orzamento. O Concello do Porriño ten prorrogadas as súas contas municipais desde o ano 2012. Desde o Bloque entendemos que se debería incrementar a partida destinada a emerxencia social para adecuala á realidade do ano 2014, xa que se está a prexudicar a moitas familias que precisan da axuda da administración local para resolver problemas vitais e necesidades básicas ante os constantes recortes sociais por parte do PP na Xunta e no Estado., afirmou a concelleira do BNG, Aurora Rivas.
Desde o BNG consideramos que entorno ao banco de alimentos do Porriño existe ocultismo e falta de información, posta de manifesto pola negativa da concelleira Teresa Veloso a facilitarnos o correspondente expediente do servizo. Interpelaremos á Sra. Veloso no pleno para que aclare que persoas están a participar como voluntarias no reparto de alimentos de SOS Porriño e cales son os requisitos necesarios para participar como voluntari@s neste servizo, cales son os baremos ou requisitos para poder recibir as axudas, quen determina estes baremos e avalía ás persoas solicitantes, como se está a garantir a confidencialidade das persoas usuarias do servizo ou se a concelleira considera ético que membros do goberno municipal participen no reparto dos alimentos.
Lei do aborto
O Pleno da Corporación Municipal do Porriño aprobou o pasado mes de febreiro unha moción presentada polo BNG que incluía a adopción dun acordo polo que o concello se comprometía a por en marcha unha campaña institucional de información e divulgación para transmitir o seu rexeitamento ante a modificación da lei do aborto e informar dos recursos actualmente existentes para poder interromper voluntariamente o embarazo. Entendemos que a sociedade porriñesa manifestou claramente a súa oposición a este innecesaria reforma participando masivamente na manifestación convocada no Porriño pola Plataforma Galega contra o Dereito ao Aborto. Agora temos que esixir que o concello faga cumprir os acordos plenarios, polo que preguntaremos á concelleira que xestións está a facer desde a concellaría de Igualdade para poñer en marcha a campaña informativa aprobada na citada moción, declarou a concelleira do Bloque.