O BNG solicita que se paralice o ERE de Gestamp
A empresa Gestamp é un dos principais provedores da industria da automoción na comarca, sendo o seu principal cliente o grupo PSA Peugeot Citroën. Tanto para facilitar a súa instalación no Porriño como posteriormente, co obxectivo de garantir a súa viabilidade e o mantemento dos postos de traballo, foi beneficiaria de numerosas axudas públicas. No ano 2012, recibiu unha subvención por valor de 2´3 millóns de euros ligada ao compromiso de manter a súa plantilla de 323 empregad@s, segundo fan constar os datos do Ministerio de Economía e Facenda. Esta axuda foi tramitada a través da Xunta de Galicia. O titular da Consellería de Industria na altura, Javier Guerra, visitou as instalacións do centro do Porriño acompañado por Nelson Santos.A empresa cree no futuro da planta e esta subvención axudará a manter os postos de traballo e incluso incrementalos, declaraba o daquela conselleiro do PP aos medios de comunicación.
Gestamp está a incumprir de forma sistemática os compromisos de consolidación e aumento dos postos de traballo ligados á concesión de subvencións. O BNG entende que as administracións públicas teñen a obriga de facer seguimento e esixir das empresas o cumprimento das condicións recollidas nas bases destas subvencións, mesmo abrindo, si é preciso, o correspondente expediente de reclamación de fondos públicos por incumprimento das mesmas. A dirección da empresa plantea despedir 85 traballadores/as antes de finais de 2014. Esta medida súmase ao despido anterior de 39 traballadores máis. O desmantelamento continuado do seu centro no Porriño vaise confirmando e Gestamp está a derivar produción a outros centros do grupo ubicados en Portugal e España.
Vimos de presentar tanto no Concello do Porriño como no Parlamento Galego iniciativas en defensa dos postos de traballo, contra a deslocalización da produción a outros centros do grupo e solicitando que se investigue o destino dos fondos públicos concedidos. Estas demandas tamén terán eco, da man das deputadas do Bloque, nas Cortes do Estado.Presentamos unha moción para reclamar á Xunta que esixa a Gestamp desistir de iniciar despedimentos de traballadores mediante un expediente regulador de emprego extintivo (ERE). Queremos que se investigue si a empresa desviou fondos públicos para unha finalidade distinta da consolidación e mantemento do emprego e esiximos que se manteña a carga de traballo na fábrica do Porriño afirmou o concelleiro do BNG, Gustavo Domínguez, mostrando o apoio do Bloque aos traballadores e traballadoras que o vindeiro xoves inician unha folga en defensa dos postos de traballo.