O BNG solicita que non se suban as cotizacións das persoas autónomas
O grupo municipal nacionalista presentou unha moción no rexistro do Concello do Porriño demandando que se paralicen as subas de até máis dun 20% nas cotizacións aplicadas a persoas autónomas e pequenas empresas aprobadas polo goberno de Mariano Rajoy. O PP está a aplicar esta suba sen ningún tipo de diálogo co sector, como critican as principais asociacións de persoas autónomas galegas e do Estado. Esta medida, puramente recadatoria, afondará máis no estrangulamento económico das persoas emprendedoras.
Con esta suba das cotizacións estase a dificultar a recuperación económica das persoas autónomas e das pequenas empresas, limitando a súa capacidade de xeración de emprego, principal problema económico en Galiza e no Estado, e mesmo contribuíndo a unha maior desaparición das mesmas Non ten sentido que se incrementen as cargas sobre persoas autónomas e pequenas empresas, a maioría do noso tecido económico, mentres se aumentan as axudas a grandes empresas e se manteñen sobre elas enormes vantaxes fiscais, sinalou o portavoz do BNG, Pedro Pereira.
A moción presentada polo Bloque solicita demandar do Goberno do Estado un posicionamento contrario a esta suba e aprobar as reformas lexislativas necesarias de cara a promover unha reforma fiscal verdadeiramente progresiva, que grave ás grandes fortunas e empresas, e que persiga a fraude fiscal. O BNG solicita tamén que a Xunta poña en práctica políticas activas de emprego en Galiza como mellor mecanismo para garantir a sustentabilidade da Seguridade Social.
PODES DESCARGAR AQUÍ O TEXTO COMPLETO DA MOCIÓN: MOCION PERSOAS AUTONOMAS E PEQUENAS EMPRESAS 15_02_2014