O BNG solicita melloras para os traballadores afectados pola silicose
O Pleno da Corporación Municipal do Porriño debaterá unha moción presentada polo BNG para solicitar da Xunta de Galiza e do Ministerio de Traballo cambios normativos e lexislativos relacionados coa enfermidade profesional contraída pola exposición ao sílice. Desde o Bloque mantivemos reunións para explicar a nosa proposta coa Asociación Galega de Afectados pola Silicose (Osílice) e co sindicato CIG, que compartiron con nós a necesidade de impulsar desde o Concello do Porriño melloras para as persoas afectadas pola silicose.
As actividades económicas derivadas da extracción, elaboración e transformación do granito, sectores nos que traballan un importante número de persoas na nosa localidade, entrañan un alto risco de contraer enfermidades profesionais, nomeadamente silicose. Estudos recentes elaborados por entidades con recoñecido prestixio na materia (O Instituto Nacional de Silicose en colaboración co Gabinete Provincial de Seguridade e Saúde Laboral da Xunta de Galiza) veñen de demostrar a importante incidencia desta enfermidade no Porriño.
A iniciativa presentada polo BNG solicita ao Ministerio de Traballo que recoñeza a situación de incapacidade permanente, con dereito ao cobro da correspondente pensión, a aqueles traballadores que presentando algún grao de silicose, non podan acceder a un posto de traballo na mesma empresa exento de risco de po. Esiximos tamén do ministerio que inicie a revisión dos actuais coeficientes redutores da idade de xubilación asignados aos traballadores das canteiras, graveiras ou areeiras, e que se equiparen cos que se aplican para os que traballan en minas de interior. Actualmente existe unha clara diferenciación cuantitativa a favor destes últimos. Sen embargo, os estudios realizados demostran que as porcentaxes de po con alto contido en sílice existentes nas canteiras de granito superan en moito ás existentes en explotacións mineiras soterradas, o que sitúa aos traballadores das canteiras a ceo aberto do Porriño e arredores, nunha situación de discriminación que está a afectar gravemente a súa saúde.
Así mesmo, a moción do Bloque esixe da Xunta de Galiza que, cumprindo coas súas obrigas en materia da protección da saúde, potencie os centros provinciais do Instituto Galego de Seguridade e Saúde (ISSGA) dotándoos de medios, capacidade de actuación e facultade de diagnose. Trátase de acelerar os procesos de recoñecemento do grao de silicose e rematar co agravio que representa que os traballadores galegos afectados pola enfermidade teñan que desprazarse a Oviedo para facer un recoñecemento en condicións.