O BNG presenta alegacións á ordenanza da auga do Consorcio do Louro
Pedro Pereira (O Porriño), Xosé Manuel Suárez (Salceda de Caselas), Miguel Anxo Aldea (Mos) e Laureano Alonso (Tui), portavoces do BNG nos catro municipios afectados pola nova xestión privada da auga posta en marcha polo Consorcio do Louro, veñen de presentar alegacións á ordenanza fiscal reguladora das taxas pola prestación do servizo de abastecemento domiciliario da auga potable.
A alegación presentada polo Bloque contempla rebaixas nas tarifas, introducir criterios de estimación durante o período transitorio marcado para instalar os equipos de medida, eliminar o pago por precintos e verificación dos contadores ou unha aplicación retroactiva, desde a primeira emisión de recibos, nas exencións e bonificacións que contempla a ordenanza.
Rebaixa nas tarifas
Solicitamos unha modificación á baixa das tarifas que se están a aplicar nos tramos variables estipulados por abastecemento de auga, solicitando que se apliquen as tarifas mínimas contempladas para este concepto na Lei de Augas de Galiza. Tamén se solicita a rebaixa (a 20m3/mes) dos consumos que se están á aplicar ás persoas usuarias do servizo durante o período transitorio estipulado para instalar os contadores.
Tarifas en vigor, por tramos:
De o a 2m3/mes......................................................0,37/m3
De 2 até 4 m3/mes..................................................0,42/m3
De 4 até 8m3/mes...................................................0,52/m3
m3 que excedan do consumo de 8m3/mes.................0,62/m3
Proposta incluída na alegación presentada polo BNG (dentro dos mínimos que establece a Lei e Augas de Galiza):
Primeiro tramo.........................................................0,00/m3
Segundo tramo........................................................0,28/m3
Terceiro tramo.........................................................0,36/m3
Cuarto tramo............................................................0,41/m3
Liquidacións estimadas durante o período transitorio
Propoñemos que as liquidacións practicadas mentres non se instalen os equipos de medida sexan estimadas, e non fixas como se están a aplicar na actualidade. Esta estimación facilitaría o pago real por consumo, podéndose compensar á alta ou á baixa nos recibos do seguinte período liquidable.
Eliminar o pago por precinto e verificación dos contadores
Esiximos a eliminación do apartado no que se inclúe a taxa a abonar polos servizos de inspección, precintado e verificación dos contadores. Desde o BNG consideramos que debe ser a empresa adxudicataria quen se faga cargo destes conceptos.
Exencións e bonificacións con carácter retroactivo
Entendemos que as bonificacións e exencións contempladas na ordenanza deberían aplicarse con carácter retroactivo. A falta de información por parte de concellos, Xunta e empresa adxudicataria fixo que moitas persoas que se poden acoller a estes beneficios non formalizasen a súa situación no momento no que entrou en funcionamento a nova ordenanza.