O BNG insta a Alejandro Alonso a dimitir como pedáneo de Chenlo
O goberno de Mariano Rajoy sigue coa intención de eliminar as Entidades Locais Menores. O vogal do BNG en Chenlo, Pablo Novo, ven reclamando repetidamente ao PP que convoque unha asemblea aberta a todos os veciños e veciñas da parroquia para tratar esta cuestión, sen obter resposta por parte do alcalde pedáneo. Desde o BNG defendemos as Entidades Locais Menores porque son as institucións máis próximas á cidadanía, as que mellor poden coñecer os problemas e necesidades dos veciños e veciñas. As parroquias deberían dotarse de entidade xurídica propia, e isto non ten que supoñer máis gasto público. Se queren aforrar, por que o PP non suprime as deputacións?
O alcalde pedáneo de Chenlo, Alejandro Alonso, antepón os intereses do PP aos da veciñanza, e non ten intención de defender á parroquia ante o que lle ordenen Santos, Feijoo ou Rajoy. Non está a participar nas reunións convocadas polas distintas entidades menores galegas para tratar de coordinar unha fronte común en resposta a esta medida do goberno central, e nos plenos do Concello do Porriño vota en contra, xunto con Nelson Santos e todo o grupo do PP, das iniciativas presentadas polo BNG en defensa do mantemento da entidade.
Segundo informacións publicadas na prensa, Alejandro parece estar ocupado, e moi preocupado, cos problemas xudiciais que ten o goberno do Porriño. Se non ten tempo para dedicarlle á parroquia, nin intención de defendela, non ten sentido que siga ocupando o cargo de alcalde pedáneo