O BNG esixe transparencia na tramitación do novo PXOM
O Concello do Porriño iniciou a tramitación para aprobar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal no ano 2010, co obxectivo de adaptar o actual planeamento urbanístico, aprobado en Xuño do 2003, á nova lei de ordenación do territorio galego. O equipo redactor entregou a proposta de planeamento ao goberno municipal a finais do ano 2012 e a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu o preceptivo informe previo á aprobación inicial do PXOM, en marzo de 2013.
Cinco anos despois do inicio do expediente e con todos os trámites previos cumpridos, non foi convocada a Comisión de Urbanismo para tratar sobre a proposta de ordenación e informar do modelo de urbanismo que o PP proxecta para o Porriño. Este xeito de proceder retrotraenos a vellos tempos nos que a elaboración do PXOM era descoñecida para tod@s excepto para o grupo de goberno e un selecto grupo de persoas ou empresas con intereses urbanísticos.
O PXOM está paralizado no despacho do alcalde e a inoperatividade do concelleiro titular da área de Urbanismo, Marcelino Coto, non está a axudar a que o expediente avance. Ao PP non lle interesa facer pública a súa proposta urbanística a seis meses das eleccións municipais. Desde o BNG esiximos ao goberno local transparencia na xestión e que o documento se faga público canto antes para facilitar que a cidadanía participe na súa elaboración, afirmou o portavoz do BNG, Pedro Pereira.
Desde o BNG entendemos o PXOM como un instrumento de vital importancia para o desenvolvemento do noso pobo, e como tal defendemos que se elabore coa ambición de acadar o maior apoio posible dos grupos políticos e o maior consenso social. Na sesión extraordinaria convocada polo noso grupo municipal que se celebrará este mes de decembro, solicitamos do Pleno da Corporación Municipal que se adopten os seguintes acordos:
Primeiro.- Convocar no prazo de 15 días a Comisión de Urbanismo, con carácter extraordinario, para que o alcalde, o concelleiro de urbanismo, o arquitecto municipal e o equipo redactor informen das directrices urbanísticas e do estado de tramitación do expediente de aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Porriño.
Segundo.- Establecer un período de exposición pública, previa a súa aprobación inicial, de 45 días co obxecto de procurar maior participación da cidadanía na elaboración do PXOM.
Terceiro. Convocar de novo a Comisión de Urbanismo, a efectos de ditaminar a proposta de aprobación do PXOM, nun prazo de 90 días.
Cuarto.- Convocar o Pleno da Corporación Municipal, a efectos de aprobar inicialmente o PXOM do Porriño, nun prazo de 97 días.