O BNG esixe máis protección para a Serra do Galiñeiro
A ameaza da minaría a ceo aberto que está a impulsar a Xunta planea aínda sobre a Serra do Galiñeiro, indefensa ante a negativa do PP a aprobar a iniciativa presentada polo BNG no Parlamento Galego para que se inclúa no espazo protexido do parque do monte Aloia. Empresas multinacionais xa teñen amosado o seu interese por realizar catas de prospeccións mineiras en busca das denominadas terras raras. Unha actividade mineira con grave impacto ambiental e riscos para a saúde das persoas, xa que consume grandes cantidades de enerxía e auga e manexa substancias tóxicas.
No Porriño, tanto na entidade de Chenlo como no concello, vimos solicitando repetidamente a adopción de acordos que permitan a ampliación do parque do Aloia a todo o cordal do Galiñeiro, para protexer así este espazo natural da posibilidade de que se instale alí unha mina a ceo aberto que afectaría directamente a núcleos tradicionais densamente poboados da nosa parroquia. Para informar sobre a nosa posición e recoller as opinións dos veciños e veciñas, organizamos un acto informativo na escola unitaria de Chenlo no que contamos coa presenza da deputada do Bloque, Carme Adán.